Angulo sumou en Colindres outro podio para o Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Antonio "Chava" Angulo no Memorial Juan Manuel Santiesteban.

Antonio “Chava” Angulo non se baixou do podio durante o fin de semana. Despois de finalizar terceiro o sábado na última etapa da Volta a León, ao día seguinte o xefe de filas do Club Ciclista Rías Baixas quedou co mel nos beizos no Memorial Juan Manuel Santiesteban. Cruzou a liña de meta de Colindres (Cantabria) en segunda posición, tras o espectacular duelo protagonizado polo representante da entidade que preside José Luis Chamorro fronte a dous corredores do Caja Rural.

Esta clásica puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) disputouse sobre un percorrido de 145 quilómetros, no que se daban oito voltas a un circuíto moi rápido antes de afrontar unha subida de 7 quilómetros, que se antollaba decisiva.

A carreira chegou compacta ata esa ascensión, onde rompeu por completo. “Coroou un Caja Rural con 10 segundos de vantaxe sobre un grupo de seis, no que estaba eu”, comenta Angulo, que nun repeito a falta de 15 quilómetros arrancou buscando ao fuxido e levándose á súa roda a outro ciclista do Caja Rural.

O corredor de El Llano logrou o seu obxectivo, pero escoltado por David González e Jefferson Cepeda, compañeiros de equipo na escuadra navarra. Os tres xogáronse o triunfo ao esprint e “Chava” viuse superado por González nos metros finais.

Gañador esta tempada dunha etapa na Volta a Alacante e doutra na Volta á Provincia da Coruña, o exprofesional cántabro sumou outro podio á súa longa lista de postos de honra e ratificou o seu bo estado de forma de fronte ao intenso final de tempada que lle espera á fronte do Club Ciclista Rías Baixas.