Anuncios
Ticker de novas

“Gory”: do graffiti ao mural pero sempre a través do spray

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A obra de Gory "A árbore da vida", que loce no bar Gondomar, foi un encargo do propietario como agasallo á súa muller.

Cada vez é máis habitual cruzarse con grandes murais ocupando fachadas e paredes nas rúas onde os seus autores dan renda solta á súa imaxinación, plasman obras a partir dun modelo ou simplemente funcionan como obras de iniciación. Uns o chaman arte e outros graffiti, aínda que unha minoría ségueo tachando de vandalismo, o que se é certo é que moitos deles enchen de cor espazos que outrora foron zonas carentes de atractivo, aburridas e eslamiadas, en definitiva mortas. Hoxe en día esta práctica está de moda partindo de grandes cidades estendéndose a municipios máis pequenos, e a comarca do Val Miñor non vai ser menos. Faise chamar “Gory”, ten 40 anos e é natural de Chaín, moitos o chaman artista ou graffiteiro pero a si mesmo prefire catalogarse como un “currante”. Pinta ao aire libre e en Gondomar ten varios murais por exemplo no parque da Coelleira, no antigo matadoiro, no instituto Auga da Laxe ou no colexio nigranés de Panxón, pero tamén fai obras por encargo en espazos pechados.

Estudou deseño gráfico onde puido poñer en práctica a maioría de técnicas pictóricas, aínda que se ten que elixir teno claro e non cambiaría os sprays “por nada do mundo”. “Podes imitar calquera estilo e mesmo melloralo, o truco é a técnica e utilizar o cabezal adecuado para cada momento”, explicou. Actualmente atópase traballando en varios proxectos fóra da comarca aínda que teñen en mente outros para Baiona e Nigrán.

A súa paixón comezou por casualidade á temperá idade de 16 anos, momento en que el e un amigo fóronse a Ourense para estampar as súas firmas nunha parede, aí viuno claro e enganchouse ata o punto que leva feitos máis de 300 ao longo de 25 anos, aínda que agora está metido de cheo cos murais. A súa obra de maior envergadura ten 300 metros cadrados, está situado na vila mariñeira de Bouzas e titulouno “os veleiros”. Calquera sitio válelle e o seu santuario atópase debaixo da autoestrada, esta zona é a súa favorita debido a que “podo facer o que me veña en gana, non teño de axustarme a bosquexos prefixados e aquí pinto o que me sae”.

Utiliza a súa propia técnica primeiro “mancha” a parede para saneala, desta maneira tápanse os poros e non desperdicia tanta pintura. A partir de aí vai de atrás cara a adiante e de arriba cara abaixo. “Traballo para que nos entendamos por capas, coma se fose photoshop”, afirmou. Non ten un tempo fixo por traballo xa que non só depende do tamaño posto que a complexidade é un hándicap, así como o número de cores que pode ir de cinco como a trescentos, aínda que segundo explicou adoita utilizar ao redor de 40 diferentes. “Moitas veces para facer a gama de cores nunha obra podo gastar vinte dun como sete pinceladas de outro”, matizou. Aínda así nos traballos de maior envergadura dedicou máis de trescentas horas e 200 sprays, o que supón un investimento inicial en pintura que moitas veces supera os 600 euros.

En canto á calidade de calquera obra, compáraa cun bo viño. “Non todo o mundo sabe deles, pero dáse conta cando está bo ou cando non”, finalizou.

Anuncios