Anuncios
Ticker de novas

Preacordo no convenio da recollida do lixo de Nigrán ao aceptar a empresa unha suba salarial do 14% en tres anos

A representación sindical de Cespa, concesionaria da recollida do lixo e de limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán, chegou hoxe a un preacordo coa dirección para renovar un convenio colectivo a tres anos que contempla unha suba salarial do 14%, o que permitirá desconvocar a folga indefinida anunciada no servizo no caso de que os traballadores/as ratifiquen o texto na asemblea que se celebrará esta noite ás 21:00 horas.

O cadro de persoal de Cespa decidira suspender a folga prevista inicialmente para o pasado xoves 26 polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo á espera dos resultados da mediación. As partes reuníronse esta mañá e finalmente achegaron posturas, unha vez que a empresa aceptou as principais reivindicacións da parte social.

O preacordo contempla un convenio colectivo a tres anos (2018, 2019 e 2020) e fixa un aumento salarial para as categorías de peón, que pasarán de cobrar 907 euros a 1000 a partir de xaneiro de 2020, e de condutor/a, que verán incrementados os seus soldos dos 946,37 euros actuais a 1050,57. Estas subidas salariais supoñen un aumento medio do 14% nos tres anos de duración do convenio.

Ademais, a dirección aceptou mellorar as retribucións por antigüidade, outras das reclamacións do cadro de persoal, polo que a partir de agora o pago dos bienios será do 5% do novo salario base e o dos quinquenios do 7%. Con respecto aos pluses, a suba pactada é do 35% do novo salario base a partir do 1 de setembro de 2020.

Finalmente, no que ten que ver coa demanda de que tres traballadores/as fixos/as discontinuos/as pasaran a traballar todo o ano, as partes pactaron que este ano traballen 10 meses. O ano que vén traballarán 11 meses, pasando a formar parte do cadro de persoal a tempo completo a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Anuncios