No incomparable marco de Praia América-Lourido en Nigrán disputarase este sábado 28 de xullo unha nova edición do Torneo de Rugby Praia que Melgachos Vellos Rugbiers organiza anualmente dentro da programación estival de actividades que ofrece o Concello.
O torneo consolidouse, na súa quinta edición, como o referente do rugby praia en Galicia e un dos eventos máis prestixiosos de cantos dispútanse en España nesta modalidade, non só pola cantidade de participantes que o disputan, senón polo nivel dos equipos, vindos de distintos puntos de Galicia, España e Portugal e pola espectacularidade e o atractivo desta modalidade deportiva. Esta edición gañouse o cualificativo de Internacional coa presenza de 4 equipos do noso país veciño.
Así, un total de 300 xogadores divididos en 27 equipos tomarán parte no torneo que se disputará en tres categorías: a categoría sénior masculino será a máis numerosa con 12 escuadras, por 7 en categoría feminina e 8 na competición de veteranos. É destacable o aumento de equipos participantes nesta edición, en comparación cos 23 da edición do ano pasado, e en especial en categoría feminina, con sete equipos formados por xogadoras de moita calidade, con presenza de varias internacionais españolas.
O torneo dará comezo ás 10:30 disputándose ao longo do día máis de 50 partidos. As fases finais de cada categoría poderán verse a partir das 17:00, tras as cales se procederá á entrega de trofeos e gozarase do tradicional terceiro tempo con festa de despedida a todos os participantes. Nesta edición apostouse novamente por un evento aínda máis limpo e sustentable, poñendo a disposición dos participantes vasos reutilizables que poderán levar a casa como recordo.
Finalizado o torneo, poderase gozar do XI Festival Nigranjazz no Esteiro da Foz e dos food trucks de Rilla na Rúa na Ramallosa.

