Sin categoría

O PP critica o fin das obras na EP-2302 sen rematar as beirarrúas nin reducir os pasos elevados

O Partido Popular de Gondomar critica ao deputado provincial Uxío Benítez e ao alcalde, Paco Ferreira, polo anuncio que veñen de facer sobre o remate das obras, consensuadas co rexedor, na estrada provincial EP-2302 Gondomar-Chaín-Morgadáns. Non entenden no PP gondomareño que se deixen sen facer os apenas seiscentos metros de beirarrúas pendentes da cesión ou expropiación dos terreos, e no seu lugar se poñan unha cantidade desorbitada de lombos.

No proxecto adxudicado á empresa Nexia Infraestructuras por un importe de 292.010,35€, contemplábase o asfaltado e a creación de catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) e catro redutores físicos de velocidade de vehículos (RFVV), tamén chamados «lombos», así como a sinalización vertical. Sen embargo, unha vez rematadas as obras a cantidade de lombos ascenden a doce, cousa que incomoda aos veciños e usuarios da estrada. Dáse a casualidade, de que no primeiro quilómetro de estrada hai sete, o que fai unha media dun lombo cada 140 metros. Paula Bouzós aclara que, «está claro que en determinadas zonas é necesario algunha medida para calmar o tráfico, como pode ser na contorna dos colexios, pero esta cantidade de pasos elevados non está para nada xustificada».

A presidenta do Partido Popular de Gondomar considera que esta cantidade de pasos elevados van ocasionar moitos problemas para os usuarios da estrada, polos continuos cambios de velocidade que teñen que facer, xa que esta estrada non se caracteriza por ser perigosa, nin pola cantidade de accidentes. «O máis efectivo para a seguridade dos viandantes, sería o remate dos case seiscentos metros que quedan de beirarrúas, e que tanto o goberno provincial como o alcalde de Gondomar non teñen previsto realizar», afirma Paula Bouzós.

Ademais, os pasos elevados non cumpren coa normativa para a instalación de redutores de velocidade (orde FROM/3053/2008), xa que algúns teñen unha altura superior á permitida e as ramplas de acceso non teñen a distancia mínima. Todo isto fai que algúns vehículos rocen os baixos nos lombos, ou se produzan continuos saltos ao pasar polos mesmos. «Non me imaxino o que debe ser para unha ambulancia que teña que acudir a unha emerxencia, ter que pasar por doce pasos elevados, así como as consecuencias para o paciente», sinala a presidenta do PP gondomareño. A todo isto hai que sumar que tres pasos de peóns rematan nun rego, polo que pide que se canalice o mesmo para facilitar o paso dos viandantes ao atravesar a estrada.

O deputado provincial manifestou que «dende o primeiro momento descartouse continuar o proxecto iniciado pola anterior corporación provincial, dado que as beirarrúas que se construíran, ademais de estar incompletas en varios treitos pola falta de terreos, non cumprían cos mínimos requisitos de accesibilidade nin de calidade». Tamén fixo referencia a que “ao chegar ao goberno marcamos un cambio claro. Pensabamos que o modelo do PP de facer beirarrúas de 1,5 metros estaba rematado e o alcalde, neste sentido, optou por destinar o investimento provincial que se lle propoñía a solucionar o problema grave no firme e a aumentar a seguranza viaria e a calmar o tráfico”.

Paula Bouzós recrimínalle ao alcalde de Gondomar que non aproveitase a visita do deputado provincial para que se comprometese ao remate das beirarrúas, tan desexadas e necesarias para a seguridade dos veciños. «Non é de recibo que o alcalde Paco Ferreira vote no pleno a prol dunha moción na que se pide o remate das beirarrúas, e despois lle diga á Deputación xustamente o contrario», remata Paula Bouzós.

Ao mesmo tempo solicita do goberno municipal, que se dirixa á Deputación Provincial para o arranxo dos pasos elevados e a súa diminución en número, deixando soamente os máis necesarios.