Anuncios
Ticker de novas

A actuación estelar de Voro García e a master-class de Peter Berstein abre o Nigranjazz

Voro García.

O Concello de Nigrán abre mañá venres a duodécima edición do Nigranjazz no esteiro de A Foz (A Ramallosa) coa actuación estelar do valenciano Voro García, considerado como un dos mellores trompetistas a nivel internacional e que acude cun quintento formado tamén por grandes figuras mundiais como Peter Bernsteis á guitarra, Chris Cheek ao saxo (ambos, precisamente, protagonistas de pasadas edicións do festival), Dee Jay Foster ao contrabaixo e Roberto Gatto á batería. Voro García comezou a tocar a trompeta aos 8 anos, sendo becado para estudar Jazz no Berklee College of Music (Boston), onde se graduaría magna cum laude no 2007. Ten actuado en importantes festivais con diferentes proxectos como Montreaux Jazz Festival (Suiza), Copenhagen Jazz Festival, Festival de Jazz de Campeche (México), Manila Jazz Festival (Filipinas)…

Antes da actuación do valenciano, ás 21:00 horas, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo inaugurará o Nigranjazz con Xosé Miguelez ao saxo tenor e Max Gómez á batería, todos músicos galegos de primeira liña. Como colofón á noite, o baterista Emilio Atanes e o seu cuarteto abrirán no mesmo recinto a jam-session que, de seguro, se prolongará ata a madrugada.

Pero para os músicos e os máis afeccionados ao jazz o festival arranca o venres ás 12:30 no Auditorio Municipal de Nigrán coa xa tradicional master-class, que ese día corre a cargo de Peter Bernestein e o sábado do tamén guitarrista Jesse Van-Ruller, protagonista do concerto da noite no esteiro de A Foz. O prezo das clases maxistrais é de 15 € por unha soa ou 20 € polas dúas, a abonar o propio día no (a inscrición pode realizarse previamente en info@folque.com).

Como hai xa dous anos, o evento gastronómico “Rilla na Rúa” acompaña ao festival coas súas camionetas con comida gourmet aparcadas no paseo da Foz e patrocinando a actuación de rúa do grupo das Rías Baixas “Low Bay Hot Band” na sesión swing da tarde do sábado.

O sábado 28, a actuación principal será a cargo do guitarrista holandés Jesse van Ruller, gañador en 1995 do premio Thelonious Monk International Jazz Guitar Competition, sendo o primeiro europeo en alcanzar este prestixioso premio cun xurado composto por xenios como John Scofield, Pat Metheny, Jim Hall e Pat Martino. Jesse compartiu estudio e escenarios con músicos coma Tom Harrell, George Duke, Christian McBride, Clarence Penn… O galego Dani Font co seu trío será quen o preceda no escenario ás 21:00 horas.

O Nigranjazz conta co apoio da Deputación de Pontevedra, a Sociedade de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE), a Fundación Mayeusis, Elemental Chefs e Rodosa.

Venres 27 de Xullo
Auditorio do Concello
12:30: Masterclass con Peter Bernstein
Auditorio ao aire libre da Foz do Miñor:
21:00: Xacobe Martínez Antelo Trío
22:30: Voro García Quintet
24:00: Jam Session con Emilio Atanes Cuarteto

Sábado 28 de Xullo
Auditorio do Concello
12:30: Masterclass con Jesse Van Ruller
Paseo da Foz do Miñor:
19:30: Swing Session con The Low Bay Hot Band.
Auditorio ao aire libre da Foz do Miñor:
21:00: Dani Font Trío.
22:30: Jesse Van Ruller Trío
24:00: Jam Session con Diego Alonso Cuarteto

Anuncios