A Comisión de Festas da Virxe do Carme de Baiona despídese tras catro anos

A Comisión de Festas da Virxe do Carme de Baiona quere agradecer a todos os veciños e veciñas, amigos e amigas e demais persoas que coas súas achegas, colaboración e participación, axudaron a facer realidade os catro días de festa que desfrutamos o pasado fin de semana.

Estas achegas, colaboracións e participacións, viñeron dadas de diversas maneiras, tales como a asistencia aos bingos sociais celebrados, firmas en cartóns semanais, churrascada na Palma, ruta cabalar, cantina no Rastrexo de Baredo, cea para a organización do Rastrexo, Festa da Arribada cea baile en San Valentín, publicidade na pantalla durante os días de festa, donativos, etc.

Agradecen especialmente a axuda desinteresada de algunhas persoas, que colaboraron coa comisión en diversas tarefas, tales como recadar donativos, axudar nos traballos de montaxe e cociña nas diferentes festas organizadas, axuda para pedir firmas para os cartóns semanais, elaboración e doazón da coroa de laureles, montaxe floral na igrexa, proporcionar a gamela para o pasarrúas da charanga, axuda na tramitación de documentación, etc, etc.

Tamén agradecen enormemente a colaboración durante os catro anos do grupo de costaleiros, así como do grupo da Danza das Espadas. E por suposto, dan as grazas ao Concello de Baiona pola súa axuda e facilitación para a celebración destas festas. Tamén á Deputación de Pontevedra e Portos de Galicia.

“Sen toda esta axuda, non teríamos sido quén, de levar a cabo a Festa do Carme 2018, xa que como todos os veciños e amigos coñecen, os tres primeiros anos esta Comisión organizou a Festa dende a Confraría de Pescadores, pero debido a problemas internos na entidade, tivemos que desvincularnos para este tema da Confraría, e constituír unha nova comisión allea á mesma. Ante esta nova situación, solicitamos a Confraría que se nos fixera entrega do diñeiro que está incluído nas contas da mesma, pero que pertence á festa da Virxe do Carme, xa que tiñamos remanente do ano anterior, así como varias actividades xa realizadas para as festas do 2018. Ante esta solicitude, nun primeiro momento a Xestora á fronte da Confraría contestou afirmativamente, xa que entendía que era un diñeiro que non pertence á entidade, senón á Virxe do Carme, pero debido a un escrito de denuncia presentado por integrantes do “sector crítico do percebe”, a Xestora da Confraría decide non entregar o diñeiro ante o temor ás ameazas de denuncia”, recorda a Comisión de Festas.

Todo isto, supuxo un forte varapalo para a nova Comisión, xa que atopáronse a mediados do mes de xaneiro, para empezar a traballar para as Festas do Carme 2018, sen contar con un só euro do que xa tiñan recadado. “De aí o gran agradecemento a todos os que nos axudaron e animaron a celebrar a Festa”.

Aclaran tamén, que debido a que a Comisión xa non pertencía á Confraría, non se puideron celebrar os actos do porto, xa que é algo que corresponde a esta entidade. “Non obstante, puxémonos en contacto coa mesma, para ver a posibilidade de organizar conxuntamente ditos actos, pero debido á falta de órganos de goberno á fronte da mesma, decidiron non facelos este ano”.

“Esta Comisión síntese tremendamente orgullosa de ter celebrado estas festas, e pese a ter a nosa mellor intención para facer as cousas, co noso maior empeño e facendo o mellor que sabíamos, queremos pedir desculpas polos erros que puidemos ter cometido. Sen mais, e despois de catro anos de organización das Festas do Carme, e tras varios anos sen celebrar esta festividade, animamos aos veciños para que se forme unha nova Comisión que dea continuidade ás Festas do Carme de Baiona”, conclúen.

Anuncios