O BNG considera “misóxino e profranquista” ao militar que será recoñecido en Baiona

Rotonda do Xeneral Santos Peralba.

O Pleno Municipal de Baiona viviu de novo momento esperpénticos diante dos posicionamentos do Partido Popular, “nunha evidente perda de rumbo na que a veciñanza de Baiona non lle pode acompañar”, sinalan desde o BNG.

O “Galardón General del Aire Santos Peralba” foi creado polo Partido Popular de Baiona para condecorar a personalidades ou entidades que contribúan ao coñecemento e desenvolvemento da aviación ou presten servizos relevantes á sociedade a través da aviación. “Unha disciplina que pouco ten que ver con Baiona e cun encaixe difícil para un/unha civil, converténdose, na práctica nun galardón para militares”, critican os nacionalistas.

Neste V galardón a proposta foi para o Tenente Xeneral do exército do aire, Ignacio Martínez Eiroa. “Non se cuestionan os seus méritos aéreos, mais na súa faceta de columnista e escritor é onde plasma a súa ideoloxía, amosando pensamentos e reflexións con marcada índole misóxina, bélica e pseudo-franquista, algo que, como grupo político pacifista, feminista e antifascista, impediu ao BNG apoiar a súa condecoración”.

Xa que logo, no diario El Mundo (15 xaneiro de 2001) opúñase a que as mulleres puideran formar parte do exército afirmando que “pódese diminuír a capacidade ofensiva do exercito español” e “a muller soporta menos unha tensión sostida”.

No dixital La Crítica (11 de xullo de 2017) na súa columna “El deber de defendernos” avoga por un gasto maior nas forzas armadas por enriba da educación e sanidade rematando a súa columna cunha rastreira pregunta “¿de que lles serviu ás 200 nenas nixerianas secuestradas no seu colexio por Boko Haram, maltratadas, violadas e asasinadas, estar sans e ser ben educadas?”.

Na revista da Real Hermandad de Veteranos de las Fuerzas Armadas y de la Guardia Civil escribe o artigo “La gran borrachera” no que comeza así: “Tal vez sería máis exacto escribir embriaguez pois a esta defínea a DRAE como enaxenamento do ánimo e así nos atopamos os españois -salvo moi contadas e honrosas excepcións- dende a data na que o xefe do Estado e Xeneralísimo dos Exércitos D. Francisco Franco Bahamonde entregou súa alma ao Señor”.

En troques de rectificar o Partido Popular, de mans da súa concelleira María Iglesias, atacou ao Bloque Nacionalista Galego no seu posicionamento, acusándoo de atentar contra a liberdade de expresión e atribuíndolle unha inventada afinidade coa aplicación da Lei Mordaza.

“Para o BNG a defensa da liberdade de expresión e a eliminación da totalitaria Lei Mordaza, non son incompatibles coa frontal oposición a actitudes denigrantes á muller e o rexeitamento ao enaltecemento dunha ditadura que semella que algúns e algunhas estrañan e aspiran ao seu retorno. E nesa defensa da liberdade de expresión, cando moitas voces pedían que o BNG liderara unha campaña de boicot á infame conferencia de Mario Conde, actuou traballando en positivo, colaborando con entidades sociais para a celebración dun acto cultural e reivindicativo o mesmo día e á mesma hora, para que quen quixera fomentar a infamia asistise á conferencia de Mario Conde e quen quixera fomentar a dignidade da nosa vila puidese desfrutar dunha voz tan reputada como é a de Suso de Toro”, inciden os nacionalistas.

Para o BNG, o outorgamento de calquera galardón ao Tenente Xeneral Ignacio Martínez Eiroa é un insulto á intelixencia colectiva de Baiona “e é o Partido Popular o único culpable destes feitos, toda vez que o PSOE se abstivo neste outorgamento e EU acompañou ao BNG na oposición ao mesmo unha vez tiveron coñecemento dos posicionamentos do galardoado”.

Nunha actitude similar o Partido Popular volveu a quedarse só no rexeitamento dunha moción do BNG en apoio ao colectivo LGBTIQ+. Ante as pretensións do Partido Popular de modificar os acordos reflectidos na moción, baleirándoos de contido, a moción foi apoiada por todos os grupos da oposición, rexeitándoa só o Partido Popular.

María Iglesias cre que non se poden celebrar actos políticos públicos fóra de campaña electoral

Ante as preguntas do Bloque Nacionalista Galego sobre o procedemento para autorizar ou non actos públicos e sobre a cobertura legal que poida ter o Concello de Baiona para prohibilos ou non, María Iglesias argumentou que se se tratan de actos políticos estes non se poden celebrar en espazos abertos senón é en campaña electoral, nunha evidente confusión entre actos políticos e actos electorais. “O subconsciente xogoulle unha mala pasada ao Partido Popular, asentado na idea de que a política só son as campañas electorais e fóra delas non hai marxe para o traballo político. Para o BNG o traballo político é unha obriga diaria e para elo traballa, na concienciación, na difusión dos seus posicionamentos e na defensa dos mesmos non só nas institucións senón tamén nas rúas. Quizais por iso o Partido Popular goberne tan de costas á veciñanza, porque cree que só deben xestionar e non traballar na concienciación”.

Anuncios