Anuncios
Ticker de novas

O Val Miñor reduce nun 12% a taxa de paro respecto de 2017

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A rúa Julián Valverde de Sabarís é un dos principais motores económicos da parroquia baionesa.

As taxas de paro no Val Miñor diminúen ao redor dun 12% de media respecto de xuño de 2017. Así pois e á cabeza da comarca sitúase Gondomar cunha diminución do 15,1% pasando de 1.174 persoas desempregadas a 996. En segundo lugar e a pouca diferenza da condal sitúase Nigrán cun 14,8% que rexistrou na mesma data unha redución de 179 persoas, de 1.215 a 1.036 en 2018; mentres que Baiona obtivo unha diminución do 10,7%. Se a vila mariñeira tiña un total de 820 persoas en procura activa de emprego, o mes pasado sufriu unha redución de algo menos de 100, o que a sitúa en 732.

Os datos obtidos da Consellería de Industria desvelan unha tendencia esperanzadora para os próximos exercicios, aínda que é certo que en tempada alta xérase un maior número de postos de traballo marcados pola estacionalidade e que na súa maioría son de curta duración.

A pesar de que antes de 2008 a porcentaxe de parados mantíñase nunha dinámica estable, co estalido da crise esta tónica modificouse producindo un esborralle que foi agudizándose durante os anos posteriores ata alcanzar o seu punto álxido en 2013, chegando a unha cifra na comarca que ascendía a un total de 4.664 persoas en procura activa de emprego fronte os 2.764 de 2018 ou o que é o mesmo, unha redución do 40,74% da taxa de desemprego no Val Miñor.

Aínda que os datos utilizados para a mostraxe tomáronse a inicios de tempada alta, e nunha zona caracterizada pola forte afluencia de turistas, as cifras obtidas desvelan unha recuperación económica moi paulatina, aínda que esperanzadora, cuns indicadores bastante parellos entre os diferentes municipios da comarca, aínda que neste punto Gondomar sitúase á cabeza dos seus veciños xa que se nos referimos á redución de parados nos últimos cinco anos, a condal logrou unha diminución de 631 persoas en desemprego, fronte aos 562 de Nigrán e os 422 de Baiona.

Ángel Rodal, alcalde da vila mariñeira, mantívose optimista cos datos obtidos, que aínda que son tímidos, marcan unha tendencia positiva en conta a recuperación económica.

Anuncios