O baionés Brais Gómez proclámase subcampión galego de fondo

O Club Ciclista Marín foi o encargado de organizar o pasado sábado os Campionatos de Galicia de fondo para cadetes, júnior e mulleres. Na carreira júnior foron 71 quilómetros de percorrido con tres subidas ao Alto do Castro, o ascenso ao Alto do Pituco e a subida á Porteliña apenas tres quilómetros antes de meta.

Aínda que os primeiros en tentar a fuga foron Roi Domínguez (Fundación Óscar Pereiro) e Adrián Giráldez (Ponteareas), non sería ata o último terzo de carreira e co pelotón moi fraccionado, onde se decidiu o Campionato. No descenso do Pituco lanzou o seu ataque Adrián Barros (Coruxo) que deu alcance aos dous fuxidos e tras excedelos plantouse en meta con máis dun minuto de vantaxe sobre César Pico (Fundación), o baionés Brais Gómez (Ponteareas) e Manuel Sanpedro (Cambre). Ao cabo estes tres corredores serían quen integraría o podio ao ser descualificado Barros por competir cun desarroio non regulamentario para a súa categoría. Así, César Pico, cun tempo de 1:56:58, é o novo campión autonómico. Brais Gómez (1:57:00) foi segundo e Manuel Sanpedro (1:57:00) terceiro.

Xa o domingo, disputouse o Campionato de Galicia de contrarreloxo por equipos no Porriño. Na categoría júnior, Brais e os seus compañeiros do Ponteareas fixéronse co subcampionato, xa que os primeiros en baixar a barreira dos 17 minutos en completar o percorrido do Polígono Industrial A Granxa foron os da Fundación Óscar Pereiro cun tempo de 16.55:3. O bronce foise a Padrón da man do Cortizo.

2018-07-18 - 37245587_2175834885968616_8418719946992779264_n

Anuncios