Sin categoría

BNG: “De ter asistido Mario Conde a Baiona a única imaxe danada tería sido a da nosa vila”

Na presentación do oitavo Ciclo de Conferencias de Verán que organiza o Concello de Baiona saltou a polémica ao figurar entre os asistentes o declarado máximo impagador á facenda pública do Estado español, cunha débeda de máis de catorce millóns de euros. Mario Conde ía acudir a explicar como ser persoa en todo momento e toda circunstancia.

“A sociedade baionesa, con toda lóxica, alporizouse e reclamou medidas para que non sucedese tamaña afronta á dignidade colectiva da nosa vila. Cualificamos de infame esta circunstancia e solicitamos formalmente a súa cancelación, como tamén anunciou Esquerda Unida. Como non, a referencialidade do BNG é manifesta e houbo quen nos reclamaba medidas, co argumento de que a nosa capacidade mobilizadora garantiría o éxito da acción. Mais en responsabilidade decidimos que os actos de boicot non son formas de exercer responsablemente a acción política, polo que buscamos xeitos de reivindicación alternativos”, sinalan os nacionalistas nun comunicado.

Interesada tamén a Asociación Cultural Centáurea nun acto de reivindicación cívica e da cultura nacional galega ofreceulle ao BNG baionés a posibilidade de participar nun acto público e aberto o mesmo e á mesma hora no espazo peatonal da Rúa Carabela a Pinta, acompañando ao reputado escritor e activista Suso de Toro. Mais o Concello de Baiona non autorizou a solicitude de ocupación de espazo público realizado pola Asociación Cultural Centáurea coa escusa de que se celebraba á mesma hora e día que outra actividade do Concello. “Vana escusa, toda vez que non é un argumento razoable para a celebración de actividades dun colectivo social con plena autonomía de actuación”.

“Nese mesmo momento o noso Portavoz municipal coñeceu de boca da concelleira de Cultura, María Iglesias, a cancelación da infame conferencia. Reprodúcese na nosa vila novamente un caso de rectificación do Goberno Municipal diante das reaccións públicas, algo que debe facernos reflexionar moi seriamente sobre a capacidade de transformación e dirección das decisións públicas por parte da veciñanza”, destacan desde o BNG.

“Cómpre concluír con que o Señor Mario Conde dixo non acudir a Baiona para non danar a súa imaxe por motivos políticos. Trabúcase de novo, de ter asistido a única imaxe danada tería sido a da nosa vila. Si a súa imaxe está danada é polos delitos polos que foi condenado e polas débedas que ten coa facenda pública. Oxalá que a lección que recibiu en Baiona lle axude a ser máis persoa noutros lugares e noutras circunstancias”, conclúe o comunicado dos nacionalistas.