Sin categoría

O IEM lanza un SOS polos cabalos salvaxes galegos

Os garranos, burras do monte, bestas ou cabalos salvaxes galegos necesitan axuda para salvarse. Todo aquel que queira colaborar pode achegar a cantidade que considere na conta do Instituto de Estudos Miñoráns, que colabora coa Coordinadora de Asociacións nas que están entre outras A rapa das bestas de Sabucedo, Asociación de propietarios de cabalos do monte da Groba, Asociación Lobo, Instituto de Estudos Miñoráns e SOS Groba, entre outras.

Nuns días teñen que presentar en Estrasburgo un recurso para que se recoñeza a singularidade destes animais e se faga un regulamento específico que os protexa e regule, no que se contemplen todos os valores naturais e culturais e se ordene a súa presenza nos seus hábitats tradicionais, así como as festas das rapas e os curros. Necesitan fondos para pagar os gastos de todo o procedemento que probablemente superen os 6.000 €, e polo que lanzan este comunicado de petición de axuda.

Hai que facer o ingreso na conta do IEM ES95 2080 5035 0730 4001 4164, indicando SOS CABALOS SALVAXES GALEGOS. Os interesados poderán seguir informados na páxina do IEM ou no blog do Proxecto equus.

Os garranos, bestas, cabalos bravos ou burras do monte, denominacións que teñen dependendo do lugar de Galicia no que se atopen, están en perigo de extinción. Dende unha coordinadora de asociacións na que están ecoloxistas, besteiros, naturalistas, asociacións de rapas e curros e científicos de varias universidades de Galicia, lanzan unha chamada de socorro para tentar axudar a que este rico patrimonio natural e cultural de Galicia non desapareza dos nosos montes e serras.

Son moitas as accións que se están levando a cabo para tentar poñer en valor este patrimonio, e dar a coñecer a realidade dun animal que só se coñece cando sae nos medios de comunicación por accidentes ou, agora no verán, cando a xente ve as fotos e imaxes das rapas e curros que hai por toda a nosa xeografía.

A pesares dos esforzos dalgúns grupos e asociacións que están traballando arreo para que estes animais non desaparezan, son moitas as dificultades e atrancos cos que se atopan. Un dos maiores e a falla dun recoñecemento específico da singularidade destes animais e o seu valor como patrimonio natural e cultural, como probablemente os únicos cabalos xenuinamente salvaxes que quedan no mundo e o gran valor etnográfico das rapas e curros. Asemade os beneficios que a súa presenza supón para a biodiversidade e os ecosistemas nos que viven, nomeadamente a súa relación co dos lobos e as breceiras húmidas atlánticas, ambos os dous ameazados. O chamado Decreto equino 142/2012 do 14 de xuño, supuxo un dos maiores atrancos para a supervivencia destes animais salvaxes e as festas das rapas e curros, tratar os garranos como gando ou animais mostrencos, obrigar á súa identificación cun microchip e non recoñecer as súas singularidades que levan aparellado unha moi necesaria atención para non provocar o que no mundo dos ecosistemas supón a intervención da man do home con novas variables e controis desestabilizadores.

Recoñecen a necesidade de que se regulen e se controlen axeitadamente estes animais para minimizar accidentes e incidentes indesexables, pero sempre tendo en conta os seus valores e a necesidade da súa supervivencia nunha terra na que están ininterrompidamente antes incluso que as poboacións humanas que despois os aproveitaron, primeiramente como pezas de caza para comer e despois como animais que domeados supuxeron un gran empurre na evolución social das poboacións, ao seren utilizados como animais de tiro, no transporte de mercadorías e de homes e a diario, carros nos exércitos e nas guerras . A domesticación dos garranos ou equus ferus atlanticus, axudou moito aos nosos antepasados na súa supervivencia e está recollido nos gravados rupestres, e na literatura épica dos romanos que nos visitaron, xa o aprezo que lle deron.

Toca agora tentar que se recoñezan estes valores e lograr que non desaparezan dos nosos montes, e que nun mundo e nunha paisaxe galega con profundas transformacións, sexa posible a supervivencia con outros usos e explotacións dos montes, sen entrar en colisión uns e outros intereses.

Agora mesmo teñen a necesidade de pedir axuda para poder levar avante unha das dúas canles coas que están traballando para acadar o obxectivo de salvar os cabalos salvaxes galegos. A vía legal, coa derrogación do chamado decreto equino no que afecta aos garranos, e a vía da negociación coa Xunta de Galicia e de todos os grupos parlamentarios para que se redacte un regulamento específico que recoñeza, regule e defenda aos garranos ou cabalos salvaxes de Galicia.

Na primeira das vías os seus asesores legais dinlle que deben seguir ata o tribunal de Estrasburgo, onde probablemente se recoñezan os postulados que defenden e que suporían un pulo para que fose máis doada a segunda vía, da redacción dunha lexislación específica.

O interese desta coordinadora só é o de que a maior brevidade (o tempo vai contra dos intereses dos garranos que cada día van a menos nos nosos montes) se atope unha solución, o que obriga a estar en frontes e batallas legais que non desexan, mais que son necesarias para a defensa dos garranos.

Recorrer ao tribunal de Estrasburgo supón uns custos económicos, a maiores dos que xa se levan empregado noutros recursos, dos que non dispoñen, e por iso que necesitan colaboración.