Oito nenas e nenos saharauís pasan as súas Vacacións en Paz no Val Miñor e Baixo Miño

FOTO: CONCELLO DE TUI // As nenas e nenos saharuís na recepción no Concello de Tui.

Sete nenas e un neno vivirán ata comezos do mes de setembro no seo de familias acolledoras nas comarcas do Val Miñor e Baixo Miño a través do programa “Vacacións en Paz” da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Trátase dunha iniciativa que permite a nenos e nenas saharauís pasar o verán en Galicia, lonxe das inhóspitas condicións do deserto, e acceder a unha asistencia sanitaria que no seu lugar de orixe é moi difícil.

Sete deles -o oitavo non puido acudir- foron recibidos este venres na Casa do Concello de Tui polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, e a concelleira de Servizos Sociais, Estrella Muradas, que lles entregaron uns agasallos e compartiron uns momentos con elas e eles e as súas familias de acollida. Tamén estivo presente o delegado na zona de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Xosé Enrique Porto, quen explicou que ademais de coñecer o mar, outra cultura, e aprender o castelán son fundamentais as revisións médicas.

Ir á praia, á piscina, comer pizza ou pasta, pasear… son algunhas das actividades preferidas destes cativos na súa estadía en Galicia. Algúns xa desfrutaron do verán galego en anteriores ocasións.