Anuncios
Ticker de novas

A Asociación Chandebrito 1807 presentou o proxecto de posta en valor da fraga e muíño de Rodas

FOTO: CHANDEBTITO 1807 // O presidente da Asociación co proxecto e solicitude presentada, xunto á fraga e o muíño de arriba de Rodas.

No día de onte, A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 presentou no Concello de Nigrán o proxecto -redactado hai uns meses por un técnico superior en educación ambiental- sobre a posta en valor da fraga e muíño de Rodas, xunto coa solicitude de colaboración para executar esta interesante actuación.

Proximamente a dirección do colectivo prevé reunirse con responsables do goberno municipal para concretar detalles sobre este asunto. Agardan obter o apoio e axuda da administración local, xa que sen ela, non sería posible poder desenvolver o citado proxecto, debido á carencia de recursos por parte desta Agrupación sen ánimo de lucro. Por outra banda, cabe salientar que este asunto forma parte do programa electoral deste goberno para o mandato 2015-2019.

Con esta actuación, esta Asociación, que leva máis de dez anos traballando na divulgación, conservación e valorización do patrimonio, pretende poñer en valor unha das zonas de maior beleza e interese etnográfico e medioambiental da parroquia, ao igual que xa fixo hai uns anos co lugar dos Matos e das Loureiras, onde recuperou dous dos muíños de auga máis antigos do municipio, xa que, ao igual que o muíño de Rodas de Arriba, foron construídos a principios do século XVIII.

Anuncios