Anuncios
Ticker de novas

70 nenos participaron na sexta edición do Campus Manolo Sanchís en Gondomar

Un ano máis, grazas á colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Gondomar e de marcas como Coca-Cola e Adidas, o Campus Ford dirixido por Manolo Sanchís, puido celebrar a súa sexta edición. Este ano, a diferenza de edicións anteriores, a duración do campus foi dun total de 6 días, 4, 5, 6, 9, 10 e 11 de xullo, con fin de semana entre medias para descansar. O mércores celebrouse o acto de clausura, coa presenza do alcalde, Paco Ferreira, as concelleiras Nuria Lameiro e Iria Lamas, e Manolo Sanchís.

O campus, que se desenvolveu nas instalacións do campo municipal de As Cercas en horario de 10:00 a 14:00 horas, está dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e 16 anos, que tiveron a posibilidade de compartir e aprender nocións de fútbol e á súa vez a educación en valores xunto a un grupo de profesionais capitaneados por Manolo Sanchís. Un total de 70 rapaces puideron gozar dunha semana chea de fútbol e sobre todo diversión.

Realizáronse dous adestramentos de fútbol cada día cun descanso entre medias, nunha contorna deportiva rodeada de profesionais que axudan a mellorar as calidades dos participantes, así como consellos que lles poderán ser útiles posteriormente. Todas as actividades realízanse desde un enfoque recreativo, lúdico e educativo, aínda que tamén se desenvolven tarefas para a mellora da técnica individual específica.

Os nenos/as divídense por ano escolar, para asegurar que as características físicas e motrices son o máis similares posibles e poder adaptar as actividades tanto específicas como xerais. Cada grupo é guiado por monitores técnicos deportivos e monitores de tempo libre, todos eles coa titulación correspondente. Eles foron, baixo a supervisión do coordinador, os responsables do desenvolvemento das actividades e control do grupo.

O Campus de Verán Manolo Sanchís é un proxecto que naceu co fin de transmitir aos máis novos a importancia que o respecto aos valores ten na súa vida como deportistas e no seu desenvolvemento persoal. Unha forma na que o fútbol, nunha contorna de lecer, é un magnífico vehículo para facerlles chegar a experiencia de xogadores profesionais como é o caso de Manolo Sanchís.

A dinámica destes campus baséase ao 100% en exercicios con balón, sesións preparadas polo propio Manolo Sanchís para que os rapaces exerciten distintas destrezas do fútbol ao longo de toda a semana, acompañados por xogos.

Anuncios