O mozo detido en Baiona está acusado de homicidio por imprudencia

O home ao que vinculan coa morte de Carlos Bermúdez, que a mediados da semana pasada apareceu no aparcadoiro da Palma en Baiona inconsciente e cun golpe na cabeza e que faleceu este luns, está a ser investigado por un delito de homicidio por imprudencia. Trátase dun mozo de 23 anos de idade veciño da Real Vila, que foi detido na tarde deste martes.

Aínda que inicialmente a Garda Civil mantivo a hipótese de que o home se habería dado o golpe na cabeza tras unha caída fortuíta, a investigación mantívose aberta para tratar de determinar as circunstancias do ocorrido. Agora tratan de pescudar se hai antecedentes por algún problema anterior entre os dous, ao atopar indicios de que o motivo da caída puido ser un empuxón no transcurso dunha discusión.

Testemuños de terceiras persoas que os viron na noite do suceso sosteñen que ambos estaban ebrios no momento dos feitos, aínda que de momento non transcenderon os datos da autopsia practicada ao falecido. De feito, inicialmente relacionouse a embriaguez coa caída.

Está previsto que o mozo pase a disposición do xulgado de Vigo, en funcións de garda, leste mesmo mércores.