O Curro do Galiñeiro rexorde das cinzas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Curro do Galiñeiro.

Este domingo celebrouse o Curro do Galiñeiro, tamén chamado de Vincios, que se desenvolve nas Chans do lugar da Auga da Laxe, nas ladeiras do Monte Galiñeiro, na súa vertente orientada cara ao Val Miñor. Trátase do terceiro dos curros que se desenvolven en Gondomar, e nesta edición, se “baixaron” unha trintena de cabalos.

Neste curro a recolla dos cabalos realízase no mesmo día da festa, pola mañanciña, nun perímetro que abarca practicamente todo o monte Galiñeiro, desde Zamáns ata a Auga da Laxe.

O roteiro comeza na parte traseira do monte Galiñeiro, no lugar de Herville (Mos), no torreiro da Capela das Neves. O cordón das burras descende pola ladeira do monte durante preto de tres quilómetros sobre o encoro de Zamáns e divisando a ría de Vigo na marxe dereita, pasando tamén por Campo Redondo ata chegar ao curro que está no lugar das Chans, en Auga da Laxe, onde se atopan tres mámoas e os petróglifos de armas na Laxe das Procesións.

A parada para iniciar o tramo final é no denominado alto das Brañas. A partir de aquí diríxense os cabalos artesanalmente polos besteiros ata o recinto do curro, reconstruído tras quedar arrasado na vaga de incendios do pasado mes de outubro, procedéndose á entrada no mesmo sobre as 13:00 horas. No tramo final faise un pequeno cordón. Xa pola tarde, como é habitual, despois da comida campestre, realízanse os labores tradicionais de separación, marcaxe, venda, solta, etc.

Ao final de verán celebraranse os coñecidos como Curros das Moscas, o cuarto domingo de agosto en Morgadáns e o primeiro domingo de setembro en San Cibrán, Donas.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios