Dobrete do Club Ciclista Rías Baixas en Aguilar de Campoo

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Willem Jakobus Smit en Aguilar de Campoo.

Xornada redonda para o Club Ciclista Rías Baixas no Trofeo San Juan e San Pedro. A entidade presidida por José Luis Chamorro logrou a vitoria con Willem Jakobus Smit e o título de campión de Castela e León con Jesús Nanclares, terceiro clasificado na liña de meta de Aguilar de Campoo. Esta localidade palentina converteuse en talismán para o conxunto miñorano, que a pasada tempada xa subiu ao máis alto do podio.

A 54ª edición desta clásica disputouse nun circuíto, cunha ascensión puntuable, ao que se deron tres voltas ata completar 149 quilómetros. Os ataques sucedéronse desde o bandeirazo de saída, unha carreira aloucada na que Aser Estévez (Cortizo – Anova) tentou a aventura en solitario a metade da proba.

O traballo no pelotón do Aldro Team e do Kuota neutralizou a escapada antes do último porto. Nesa ascensión arrancou Cristian Mota (Aldro Team) e á súa roda saíu o surafricano Willem Jakobus. Os dous obtiveron unha vantaxe que lles permitiu xogarse o triunfo na recta final, onde se impuxo a última incorporación do Club Ciclista Rías Baixas cun tempo de 3:44:38.

Esta competición foi a segunda do corredor nado en Mpumalanga coa estrutura do Val Miñor. Na primeira acariñou a vitoria ao terminar segundo no Campionato de Galicia disputado a semana anterior en Pontevedra. Este rendemento de Willem confirma a súa calidade e as excelentes referencias coas que aterrou no pelotón español tras acumular unha ampla lista de éxitos no continente africano.

A guinda á actuación do Club Ciclista Rías Baixas púxoa Jesús Nanclares. O berciano e Roberto Méndez (Deputación de León) adiantáronse ao grupo perseguidor nos últimos quilómetros e cruzaron a liña de meta a 16″ de Willem. Nanclares bateu ao sprint ao seu paisano Méndez e fíxose co título autonómico Elite, dado que o Trofeo San Juan e San Pedro é a cita na que se disputa Campionato de Castela e León de fondo na estrada.

A 5″ dos dous bercianos entrou o grupo perseguidor encabezado por Noel Martín (Kuota). O Club Ciclista Rías Baixas ocupou a cuarta praza na clasificación por equipos, que se adxudicou o Aldro Team. Co triunfo de Willem o proxecto impulsado por José Luis Chamorro asinou o seu primeiro triunfo do curso nunha competición puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).