O grupo Breogán Valle Miñor actuará este fin de semana en Tenerife

Asociación Cultural Breogán Valle Miñor.

O grupo de gaitas e baile tradicional Breogán Valle Miñor actuará este fin de semana en Tenerife. Este venres pola mañá os compoñentes da agrupación embarcaron no aeroporto de Peinador rumbo ás Illas, onde mostrarán a música e o baile tradicional galego, tanto o sábado como o domingo. “Unha honra representar Galicia e unha alegría viaxar xuntos a facer o que máis nos gusta”, destacaban o xoves.

A Asociación Cultural Breogán Valle Miñor leva máis de 40 anos de actividade ininterrompida en prol da difusión do folclore galego, levando a música e a danza tradicional por todos os recunchos de Galicia, España e Portugal. Todo comezou alá polo ano 1976 coa actividade de baile galego como obxectivo para logo ir incorporando gaitas, percusión, pandeireta, teatro, danza-jazz, papiroflexia, malabares e ata curtametraxes.

Nestes máis de corenta anos desde que o fundase Teodoro de la Peña e Gloria Costas houbo moito esforzo, alegrías, espectáculos, éxitos e ata tristezas e bágoas, pero ante todo moito amor pola cultura galega. Pola Asociación pasaron ao longo destes catro decenios centos de rapaces e rapazas que deixaron pegada nos corazóns dos seus responsables.

ASOCIACIÓN CULTURAL BREOGÁN VALLE MIÑOR
Os membros da Asociación Cultural Breogán Valle Miñor no aeroporto.