Baiona inaugura a nova Biblioteca e Arquivo Municipal tras un investimento superior aos 1,1 millóns

Baiona materializou esta mañá un dos proxectos máis ambiciosos dos últimos anos no municipio e non é outro que a rehabilitación do edificio Sancti Spiritus, que acolle a Biblioteca Municipal da Vila. As novas dependencias albergan o maior arquivo histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia na súa renovada edificación. Ao acto de inauguración asistiron a presidenta do Congreso dos Deputados e ex ministra de Fomento, Ana Pastor, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o Conselleiro de Sanidade e ex Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, a Concelleira de Cultura, María Iglesias, e demais membros da corporación local.

O equipo de goberno conseguiu que a rehabilitación se leve a cabo cun investimento superior aos 1,1 millóns achegados polo Ministerio de Fomento, grazas ao plan denominado 1,5% Cultural. A pretensión sempre foi a de continuar coa liña de recuperación de inmobles e espazos de interese cultural e histórico para a vila que se iniciou hai uns anos.

A empresa UTE Orega Coviastec foi a encargada das obras de rehabilitación, deseñadas polo estudo de arquitectura Murado y Elvira, gañador do concurso de ideas convocado polo goberno local para a reforma. O inmoble, que combina vangardismo e funcionalidade, foi rehabilitado totalmente cun deseño innovador.

O proxecto gañador foi o denominado “Concéntrico”, e o resultado do mesmo para o edificio é unha harmonización de elementos e materiais. A unión dos distintos espazos e engadidos construídos ao longo de séculos, así como dotar ao edificio da máxima funcionalidade, eliminando barreiras arquitectónicas e dando protagonismo tanto ás escaleiras como ao patio interior do inmoble.

Un dos principais obxectivos foi recuperar as relacións entre os distintos volumes que compoñen actualmente este conxunto arquitectónico, froito de ir agregando estruturas ao longo da historia. Para restablecer a harmonía liberáronse os interiores reorganizándoos de maneira que non se perda espazo. Tamén foi necesaria a renovación da estrutura arquitectónica existente co fin de recuperar novos espazos adaptados ás necesidades dunha biblioteca dos nosos días.

Dado o valor histórico do edificio perseguiuse durante a rehabilitación, manter un espírito de continuidade co pasado, no que conviven con naturalidade arquitectura tradicional e contemporánea. Para iso leváronse a cabo obras de conservación e restauración sobre as que se melloran as estruturas con mobiliario moi sinxelo e lixeiro que contrasten coa estrutura pétrea e solemne do inmoble.

A biblioteca dispón de diferentes espazos ou salas destinadas a usos e servizos específicos. O propósito é proporcionar lugares idóneos para as diferentes necesidades dos usuarios da BCC, baixo as condicións e normas establecidas para cada un deles. Mostrador de Información e préstamo, Sala Infantil, e dúas salas polivalentes sitúanse na planta baixa do edificio. Nesta zona tamén se atopa o arquivo municipal, o lugar onde se sitúa a gran colección histórica que posúe o Concello. Na sala de consultores será onde terán ademais acceso á consulta da colección do Fondo Local da Biblioteca, que conta cun fondo total de 32.500 rexistros bibliográficos. Na planta alta, atopamos unha sala xeral, na que converxen diversos espazos, como a sala de estudo, a sala de computadores, unha zona destinada ao estudo individual con varios cubos independentes, a colección xeral e outras seccións como xuvenil, comiteca, audiovisuais e os bancos de lectura.

Desde un principio, o proxecto apostou por materiais reciclables e de escaso impacto para o medio ambiente e para a estética de edificio en xeral. Tamén se buscou unha distinción, sen causar impacto visual entre as novas actuacións e as anteriores.

A recuperación e potenciación do xardín como zona de esparexemento para dedicala a sala de lectura no verán, celebración de actos culturais ou concertos, tamén forma parte da proposta e moi pronto verá a luz. O Concello de Baiona encargou a unha paisaxista un anteproxecto de axardinamento cuxo obxectivo é a creación dun xardín contemporáneo inspirado na orixe da parcela como horta.

A nova Biblioteca Pública Municipal converteuse na mellor infraestrutura deste tipo de todas as poboacións entre 10.000 e 20.000 habitantes de Galicia.

Anuncios