Inscricións abertas para participar na décima Subida Cicloturista A Groba

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // VIII Subida Cicloturista A Groba.

O vindeiro sábado 21 de xullo Baiona celebra a décima edición da Subida Cicloturista A Groba, organizada pola Concellería de Deportes. A proba é de carácter ciclo turista – ciclo deportiva de marcado carácter popular, de curta distancia pero de duro percorrido, 11 km. cun desnivel de 620 m. e unha porcentaxe de 5,6%.

As categorías participantes son Júnior (1999-2000-2001-2002-2003), Sénior (1998 ata 1978), Veteranos anteriores a 1975 e Censados en Baiona, todas elas tanto masculinas como femininas. A idade mínima para participar establécese nos 15 anos (1999). Os participantes menores de idade requiren dunha autorización dun titor responsable para a súa inscrición.

Este ano as clasificacións dividiranse en BTT e Estrada. Tamén haberá clasificación por equipos, que se establece outorgándolle punto polo posto conseguido en liña de meta por cada un dos integrantes na clasificación absoluta, sumándose todos os puntos alcanzados polos membros do equipo.

Haberá trofeos para os gañadores absolutos masculino e feminino e para os tres primeiros clasificados de cada categoría, para o participante de maior idade e o máis novo, para o primeiro baionés e baionesa e ao gañador por equipos.

A saída da proba será ás 11 horas desde o Pavillón Municipal, sendo neutralizada cun percorrido de quecemento ata a rotonda de Baredo e volta. A saída oficial será á altura da Virxe da Rocha. Para participar é obrigatorio o uso de casco protector e dunha bicicleta non eléctrica.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de xullo ás 12 horas e ten un custo de 5 euros. As inscricións poden realizarse a través da plataforma www.championchipnorte.com ou fisicamente no Pavillón Municipal de Baiona ou a través do correo deportes@baiona.org.

O número de prazas é limitado, polo que se realizará en rigorosa orde de inscrición. Hai que realizar o ingreso na conta de laCaixa do Concello de Baiona ES20-2100-1821-6802-000000539 e entregar o xustificante acompañado da folla de inscrición nas oficinas do Pavillón de Deportes, ou envialo a través do correo deportes@baiona.org especificando no concepto Subida á Groba e o nome do participante.

Os dorsais serán entregados aos participantes o mesmo día 21 de xullo desde as 9:30 ata as 10:45 da mañá no Pavillón Municipal de Deportes.

Anuncios