Segundo reto pola Síndrome de Usher conseguido

Conseguido. Daniel Fernández Cerzón completou este fin de semana o segundo reto para dar visibilidade á Síndrome de Usher, considerada unha enfermidade rara que afecta a unha nena nada en Nigrán, Daniela Juste. Tras completar o pasado mes de abril o primeiro dos tres retos, realizando 7 maratóns en 7 días, o que supuxo 294 quilómetros nunha semana, agora afrontou un ultraduatlón de 24 horas por Ramallosa, Panxón e Baiona.

Para Daniel foron 24 horas “duras, longas, pero sobre todo divertidas, e visibilizando a Síndrome de Usher”. Finalmente foron 90 quilómetros correndo as 12 primeiras horas e 190 quilómetros en bicicleta as seguintes 12. “Foi un día duro. As primeiras 12 horas correndo o tempo, aínda que ameazante, mantívose sen choiva, pero cando levabamos 4 horas de bici e ata case ao final o vento, a choiva e algo de frío apareceu, e isto unido a unha picada na roda que me tivo 30 minutos parado, foron as únicas pedras neste camiño por visibilizar e dar a coñecer a Síndrome de Usher que ninguén vai parar”.

“Teño que agradecer o apoio e axuda de toda a familia e amigos da pequena guerreira que me inspirou nesta loita, grazas por estar aí e por toda a compañía. Grazas a Moncho e Fran pola compañía correndo e levarme polo aire, á grupeta de ciclistas que tanto me acompañaron e axudaron, Sandra por ser a miña compi de tolemias, á miña familia, ao pai e fillo que me animaron con berros e aplausos en Sabarís”, destaca o mozo gondomareño.

“Isto non acaba aquí, a miña loita durará uns meses pero a loita de todos os guerreiros e guerreiras durará toda a súa vida. Sigamos dando a coñecer a Síndrome de Usher, no mundo non hai enfermidades invisibles senón que están aínda por coñecer. Oxalá algún día estúdese esta enfermidade, que non se vexa só o diñeiro e se é rendible ou non, detrás de cada enfermidade hai unha familia e unha-un guerreiro/a que se enfronta no seu día a día a ela”, conclúe Daniel.

O terceiro e último reto será a principios do mes de agosto.

2018-07-02 - 36634905_857262217797805_8516846699732271104_n