Sin categoría

A Deputación financiará ao 100% a reforma do campo de fútbol do Aral

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 950.000 euros para que 5 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 24 persoas ao abeiro da liña 1 de investimentos e da liña 3 de activación de emprego do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, A Estrada, Mondariz, Barro e Cambados.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou máis de 650.000 euros para tres concellos: 246.590 € para Baiona, 334.528 € para A Estrada e 73.485 € para Mondariz. Trátase nos tres casos de proxectos financiados ao 100% con fondos da Deputación, grazas a achegas do Plan +Provincia e doutras liñas provinciais de axudas.

No caso de Baiona, tal e como informou o presidente provincial, son 327.000 euros os recursos provinciais aprobados nesta Xunta de Goberno: 246.000 € do +Provincia e 81.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Provinciais, cos que o concello poderá sufragar o 100% da reforma do campo de fútbol do Aral. Trátase dunha instalación deportiva que leva 20 anos aberta e precisa reparar os elementos deteriorados, ademais de adaptala ás necesidades dos seus usuarios. En concreto, reformaranse os vestiarios para xerar catro accesibles, así como renovarase a fontanería e o saneamento. Ademais, repararase a cuberta da grada norte e instalarase unha viseira para reducir os cegamentos e o impacto do vento, ademais de crearse unha cuberta na grada sur. Finalmente, mellorarase a iluminación pasando de catro a oito luminarias e se substituirá o peche perimetral actual.

Con estas novas achegas, como explicou o presidente provincial, Luis López, son xa máis de 14 millóns os aprobados ao longo deste ano ao abeiro deste plan para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Un “programa de obras e servizos histórico da Deputación” para o que os concellos aínda poden presentar solicitudes ata este xoves 4 de abril.