A Asociación de Violoncellistas de Galicia organiza o seu III Curso de Verán en Gondomar

A Asociación de Violoncellistas de Galicia Soncello foi fundada en 2012 e promove actividades co ánimo de dinamizar a cultura e o coñecemento arredor do violoncello en Galicia. A Asociación ten organizado xuntanzas, encontros, concertos, concursos e máis recentemente os seus cursos de Verán Soncello.

Nesta ocasión, Soncello está organizando o III Curso de Verán 2018, que ten lugar no Conservatorio Municipal de Música de Gondomar entre o 1 e o 6 de xullo. Consistirá nunha serie de actividades co violoncello como eixo central distribuídas ao longo da semana, como poden ser clases individuais, clases de música de cámara e tamén de orquestra de violoncellos.

O profesorado desta edición inclúe a Carolina Landriscini, Fernando Santiago, Isabel Figueroa e Isabel Font. O profesor convidado nesta ocasión será o afamado violoncellista portugués Paulo Gaio Lima, que impartirá masterclasses os días 4 e 5 de xullo. Ademais das clases de violoncello, o alumnado poderá participar nos obradoiros de pilates, e noutras actividades de lecer.

O curso iniciouse cun pequeno concerto de benvida a cargo do profesorado no Auditorio Lois Tobío de Gondomar o pasado domingo 1 de xullo ás 20:30 horas. Outros concertos que terán lugar durante a semana inclúen o concerto de violoncello barroco de Saúl Nogareda e Fernando Santiago o luns 2, e tamén outro concerto o xoves 5, con agrupacións de cámara formadas por alumnos e profesores, ambos os dous na Igrexa de San Bieito ás 21:00 horas do luns 2 e o xoves 5 respectivamente.

O broche final estará a cargo do alumnado do curso e a Orquestra de Violoncellos, formada con todos os participantes das diferentes modalidades de matrícula, no Auditorio Lois Tobío do Conservatorio de Gondomar o venres 6 ás 18:00 horas, momento no que se fará entrega dos diplomas de participación. Todas as actividades son de acceso libre.

Na organización do III Curso de Verán participan a Concellería de Cultura de Gondomar, a Concellería de Turismo de Gondomar, o Conservatorio Municipal de Música de Gondomar, o Hostal Paz e o Hotel Cristaleiro.