O Stella Maris Season Fest ofrecerá diversas actividades nun recinto único

Ademais dunha programación musical para todos os públicos, o Stella Maris Season Fest, que se celebra no Campo de Lourido de Praia América os próximos 3, 4 e 5 de agosto, estará repleta de actividades. Os concertos de Loquillo, Café Quijano e Dyango, e os seus respectivos teloneiros, complementaranse cunha variada oferta de propostas.

No recinto con vistas á praia, poderase gozar, por exemplo, dun mercado de roupa e complementos vintage, vinilos e artesanía. Tamén se habilitará unha zona gastro de streetfood. A produtora Elemental Street, encargada do desenvolvemento do evento, organiza tamén en Nigrán, a semana anterior, a feira gastronómica itinerante “Rilla na Rúa”. Os mellores foodtrucks quedarán xa para ofrecerlle ao público do Stella Maris Season Fest a mellor comida rueira.

Despois de cada concerto, o público poderá continuar a festa nos espazos Dj´s, nos que soará música para todos os públicos para manter a festa no alto.

Venda de entradas

As entradas para o Stella Maris Season Fest xa están á venda. Nestes momentos hai unha promoción de lanzamento activa ata este sábado que permite comprar o abono de tres días por 36 euros, a entrada para o concerto de Café Quijano por 15 euros e para o recital de Loquillo por 25 euros. O concerto de Dyango será gratuíto.

Tamén existe unha categoría VIP con distintos prezos. Ademais, a partir de hoxe venres, as entradas poderanse comprar fisicamente no punto de venda que a organización instalou no Centro Comercial Gran Vía, de Vigo.

Os nenos entran gratis

O Stella Maris Season Fest nace coa intención de acoller a un público diverso. Por iso, a organización deseñou unha programación para que os máis pequenos poidan acompañar aos seus pais mentres gozan dos concertos, que empezan ás 19:00 h. Os nenos poderán entrar gratis no recinto e participar en distintas actividades como pintacaras ou un curso intensivo de manexo do yoyó co Dr. Yoyó.

Anuncios