Gondomar Concello Aberto denuncia a adxudicación de catro proxectos a dedo

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto, Pauliño del Río, denuncia nun comunicado que o alcalde, Paco Ferreira, vén de adxudicar a dedo máis de 25.000€ nun mes en proxectos “sen cumprir os máis mínimos procedementos de contratación”.

Segundo Del Río, estes proxectos son a elaboración prego prescricións técnicas licitación mantemento zonas verdes por importe de 5.203,00€; a redacción do proxecto de mellora do pavimento do camiño Barcalla (Donas) por importe de 7.187,40€; o proxecto de reforma e pavimentación do camiño Sequeiros dende a PO-340 fase 1 por importe líquido de 8.379,25€; e o proxecto de conexión da rede de pluviais transversal San Bieito a Párroco Mariño por importe de 5.142,50€.

“Proxectos adxudicados a dedo e pagados previo levantamento por parte do Sr. Alcalde dos reparos e informes negativos dos técnicos municipais. Así queda acreditado nas resolucións postas a disposición do Pleno da Corporación municipal de Gondomar”, afirma o voceiro de CABE, que preguntou por esta forma de contratación tanto no pleno de maio como no de xuño. “Nada contestou o Sr. Ferreira tan locuaz e dado a publicitarse, obviou as preguntas feitas a este respecto”.

Desde Gondomar Concello Aberto recordan que estas adxudicacións, totalmente arbitrarias, infrinxen a normativa de aplicación, xa que incumpren a Base de Execución nº 16 do Orzamento municipal que esixe obrigatoriamente pedir e xuntar tres ofertas (orzamentos) de provedores ao superar o gasto o importe de 3.000€. “Omitiuse este trámite e se contratou de xeito improcedente e inmotivado por parte do Sr. Alcalde. Un dedazo de manual”.

Incumpriuse ademais ao contratar estes proxectos o preceptuado nos artigos 23, 86 e 138 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público e o 72 do seu Regulamento, sobre os contratos menores e o seu uso de xeito fraudulento por parte da administración en canto a súa duración, contía e uso. Por se isto fose pouco se incumpre tamén o artigo 62 do TRLCSP sobre a solvencia económica e financeira, profesional e técnica e non queda acreditada a habilitación para contratar coa administración pública dos provedores.

“Revestido dun caudillismo exacerbado e coa filosofía de “as urnas me xulgarán”, o Sr. Ferreira hai tempo que perdeu non so as formas senón tamén a legalidade na acción de goberno. Por que se contrata deste xeito improcedente, abusivo e despótico impedindo a outras empresas e profesionais participar é algo que moitos en Gondomar se preguntan. A quen está beneficiando o Sr. Ferreira con este xeito de actuar e por que son preguntas que lexitimamente nos temos que facer e que requiren resposta”, conclúe Del Río.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto volverá preguntar ao Alcalde para que dea unha explicación, “que esperamos que sexa motivada e coherente, deste xeito de contratar no próximo pleno ordinario”. De obter de novo a calada por resposta, CABE estudará outras accións para cumprir coa súa obriga de fiscalizar a acción do goberno municipal.

Anuncios