Sin categoría

Baiona estréase na arte urbana cun mural de 70 metros cadrados de Lula Goce

Baiona inaugurou este sábado as recentemente humanizadas rúas de Marqués de Quintanar, Cidade de Vigo e Laureano Salgado cunha xornada lúdica para todos os veciños e as veciñas, agradecendo deste xeito a súa comprensión ante as obras levadas a cabo. O programa comezou coa inauguración dos “Bancos Ilustres” en homenaxe a D. Laureano Salgado e D. Antonio Gallego de Chávez y Ramímez Arellano, VII Marqués de Quintanar.

Acto seguido tivo lugar a presentación do primeiro mural urbano do municipio, encargado á súa artista con maior proxección internacional do momento, Lula Goce. Está nunha parede de 70 metros cadrados situada na intersección das rúas Laureano Salgado e Marqués de Quintanar, xusto na nova zona de esparexemento e recreo que se creou tras as humanizacións.

Lula Goce (Baiona, 1976). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de Pintura, doutorada e máster en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, técnica en Ilustración pola Escola de Dóaa de Barcelona e técnica en deseño gráfico polo Centro Pauta Formació de Barcelona. Esta artista, que emprega fundamentalmente a linguaxe do debuxo, foi quen de deseñar fermosas instalacións nas que o papel e a repetición teñen moita relevancia.

Actividades para os máis pequenos

Os máis pequenos e pequenas puideron gozar de forma gratuíta durante todo o día dun tobogán acuático que se instalou na rúa Laureano Salgado á altura do Liceo Marítimo. Tamén houbo inchables e obradoiros infantís nas rúas Marqués de Quintanar e Laureano Salgado.

Os comercios sumáronse á celebración

Os establecementos comerciais de Marqués de Quintanar, Cidade de Vigo e Laureano Salgado uníronse á gran inauguración das tres rúas tras finalizar con éxito as súas humanizacións. Ofreceron ao longo de todo o día distintas actividades para dinamizar a zona, descontos, agasallos de merchandising e mesmo concertos en directo.

Aparcadoiro gratuíto

Con motivo dos cortes de tráfico para poder levar a cabo as actividades púidose aparcar gratuitamente no aparcadoiro do Aral durante todo o día.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.