A Nao Victoria, lista para unha nova volta ao mundo

A Nao Victoria atracou no Monte Real Club de Yates na madrugada de onte, e a media mañá trasladouse ao pantalán de embarque da estación marítima nunha manobra que tivo que ser atrasada por problemas técnicos no porto e pouco máis tarde, tras instalar a pasarela de acceso, o museo flotante de 28 metros de eslora abriu as súas portas ao público. Estará amarrada en Baiona ata o luns 25 de xuño se as condicións son favorables, senón é así agardarán un día máis. O seu horario de visitas é de 10 da mañá a 21 horas. Con motivo da súa chegada as autoridades locais levaron a cabo un acto de benvida en cuberta.

A vila mariñeira é a primeira parada das que levarán a cabo no norte de España, aínda que levan desde marzo navegando percorrendo unha ruta polo mar Mediterráneo e polo sur peninsular onde recalaron en máis de 10 portos cunha tripulación composta por 14 mariñeiros. “Empezamos por Alacante e seguimos por Valencia, Torrevieja, Denia, Gandía, Palamós, Porto de Santa María ou Málaga, entre outros”, explicou Álvaro Legaró, o xefe de proxecto da Nao Victoria. Normalmente esta expedición adoita acabar no norte de Europa pero nesta ocasión, e coincidindo co 525 aniversario do Descubrimento, navegarán soamente por territorio nacional para darse a coñecer co fin de promover a celebración dunha serie de festivais relacionados coa fazaña de Elcano, que se desenvolverán ao longo de 2019. Aínda que non o puido confirmar oficialmente Legaró adiantou que se está estudando a posibilidade de repetir a volta ao mundo de 2004, «é o que se escoita e no que se está traballando», engadiu.

Minutos antes de comezar as manobras de aproximación ao seu actual emprazamento, Legaró explicou brevemente a este diario o que supón sucar os mares nun barco destas características. A pesar de que sempre que poden navegan a vela, a embarcación está dotada de dous potentes motores diesel John Deere de 180 CV cada un o que suman un total de 360. Como a maioría deste tipo de embarcacións está equipada con velas cadradas, isto sumado a que carecen de orza (especie de aleta que leva na punta un lastre de varias toneladas) provoca que só poidan desprazarse en liña recta con ventos portantes. “Era o seu hándicap pero nós suplímolo cos propulsores”, engadiu. A alimentación e o número de persoas que comparten espazo está lonxe do que tiñan que soportar no S. XVI. «Partimos da base de que temos comida fresca e que a tripulación oscila entre os 12 e 16 fronte aos 45 da época”, aclarou. Ademais os tripulantes durmían na propia cuberta independentemente das condicións meteorolóxicas xa que as adegas destinábanse a carga, «imos que se nos comparamos con eles isto é un hotel”, engadiu. En canto a tecnoloxía cabe destacar que está equipada cos últimos avances tanto en radares como sistemas de identificación por satélite.