Ana Paula Guntín tomou este xoves posesión como nova Xuíz de Paz de Baiona nos Xulgados de Vigo. Trátase da primeira muller que ocupará o cargo, tomando a substitución de Óscar Carreño, que se xubila tras case 26 anos no posto. O seu nomeamento foi aprobado no Pleno celebrado o pasado 28 de febreiro, cos votos a favor do PP e PSOE e a abstención de BNG e EU.
“Espero que logre manterse no cargo tanto tempo ou máis que o seu antecesor Óscar Carreño, que foi un gran Xuíz de Paz en Baiona rozando as tres décadas”, sinalou o alcalde, Ángel Rodal, quen este venres acompañou a ambos no seu cambio efectivo para despedir como se merece ao saínte Óscar Carreño tras os seus 26 anos de servizo e recibir para desexarlle sorte a Ana Paula Guntín nesta nova etapa.
O Xuíz de Paz desempeña as funcións en núcleos urbanos e en zonas rurais, e exerce de mediador entre discusións familiares ou por débedas de pequena cantidade, ademais de atender o Rexistro Civil, celebrar cerimonias, inscribir nacementos, etc. Debe ser por tanto unha persoa con experiencia, con coñecemento dos veciños, con aptitude conciliadora.

