O comercio súmase á inauguración das humanizacións no centro de Baiona

Os establecementos comerciais de Marqués de Quintanar, Cidade de Vigo e Laureano Salgado uniranse este sábado á gran inauguración das tres rúas tras finalizar con éxito as súas humanizacións. Ofrecerán ao longo de todo o día distintas actividades para dinamizar a zona. Aqueles que se pasen polos comercios poderán atopar descontos, agasallos de merchandising e mesmo poderán gozar dun concerto en directo. Todo iso co obxectivo de poñer en valor a zona e sumarse á programación organizada desde o Concello de Baiona.

Ás 12:00 do mediodía terá lugar a inauguración dos “Bancos Ilustres” en homenaxe a D. Laureano Salgado e D. Antonio Gallego de Chávez e Ramírez Arellano, VII Marqués de Quintanar. Acto seguido terá lugar a presentación do mural artístico de Lula Goce.

Os máis pequenos e pequenas poderán gozar de forma gratuíta durante todo o día, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, dun tobogán acuático que se instalará na rúa Laureano Salgado, á altura do Liceo Marítimo. A idade recomendada para poder gozar do tobogán é a partir dos 5 anos de idade, é obrigatorio que os nenos e nenas leven bañador ou biquini, non é válida a roupa de rúa. Na atracción facilitaráselles un flotador. Tamén haberá inchables e obradoiros infantís nas rúas Marqués de Quintanar e Laureano Salgado.

Para poder levar a cabo todas as actividades é necesario cortar o tráfico na zona de Marqués de Quintanar e Laureano Salgado desde as 23:00 horas do venres, día 22 de xuño, ata as 23:00 horas do sábado, 24, por iso o Concello de Baiona ofrece aparcadoiro gratuíto durante todo o día no aparcadoiro do Aral.

Anuncios