Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas soña con lograr en Castelló o seu primeiro Campionato de España Elite

As camisolas rojigualdas de campión de España Elite son o tesouro que o Club Ciclista Rías Baixas quere conseguir esta semana en Castelló. A entidade presidida por José Luis Chamorro nunca celebrou un título estatal na súa aínda curta historia. Esta vez buscarao con sete corredores e con serias opcións tanto na contrarreloxo individual como na proba en liña.

Os elites da entidade miñorana entrarán en escena o venres a partir das 17:00 horas. David Galarreta e Jaume Bonnin disputarán a contrarreloxo individual sobre 37,5 quilómetros con inicio e final en Vall d’Alba. Entre os 20 inscritos para esta cita, o cántabro Galarreta é un dos principais candidatos ao triunfo. O dos Ramales de la Victoria chega a Castelló avalado pola súa recente vitoria no campionato autonómico desta modalidade.

Bonnin e Galarreta volverán competir o domingo e esta vez farano xunto a outros cinco compañeiros de equipo na carreira en liña. Antonio ‘Chava’ Angulo, Francesc Zurita, Jorge González, Iván Arribas e Cristian Cuervo serán os outros representantes do Club Ciclista Rías Baixas nos 215 quilómetros con final en Benicassim.

O ‘sete’ do conxunto dirixido por Iván Rodríguez compartirá pelotón desde as 09:00 horas cos corredores profesionais e as dúas últimas horas de carreira serán retransmitidas en directo por Eurosport 2.

Ademais dos elites, catro sub23 da formación do Val Miñor tamén buscarán brillar en Castelló, neste caso vestindo as cores das súas comunidades autónomas. Antonio Barbero defenderá os intereses da Comunidade de Madrid na contrarreloxo individual do venres e o sábado volverá rodar na carreira en liña xunto ao seu compañeiro de selección Ignacio Zamanillo, e a Adrián Escobar (Castela-A Mancha) e Sergio Álvarez (Canarias).

Anuncios