
Usuarios do centro municipal para persoas con enfermidades neurodexenerativas tipo Alzhéimer festexarán esta semana o San Xoán xunto aos alumnos do Colexio de Educación Especial de Panxón. Así, durante a tarde de onte elaboraron conxuntamente unha empanada de xoubas, aprenderon sobre o ritual das herbas de San Xoán, confeccionaron sacos aromáticos e merendaron o que eles mesmos cociñaron. Maiores e mozos comparten con asiduidade actividades interxeneracionais polos beneficios que a ambos lles reporta, non en van, o centro está situado nun edificio independente cedido polo Centro de Educación Especial de Panxón, entidade que atende a 20 alumnos con trastornos graves de conduta (só hai dous colexios en toda Galicia deste tipo).
O Concello de Nigrán iniciou en setembro de 2016 o programa municipal de atención a persoas con demencia neurodexenerativa en fase leve (tipo Alzhéimer) xestionado desde a adxudicataria AFAGA (Asociación de familiares enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia) con 5 usuarios, estando actualmente as 12 prazas dispoñibles cubertas con veciños de Nigrán (en agosto actualizaranse expedientes e abrirase a lista de agarda). O obxectivo é ofrecer un servizo integral e especializado, sendo atendidos os usuarios por un psicólogo, un terapeuta ocupacional, un auxiliar, unha traballadora social e persoal voluntario, equipo que deseña, organiza e aplica as terapias tódolos martes e xoves de 17:00 a 20:00 horas (horario no que abre o centro de setembro a xullo).
«Este centro é unha iniciativa pioneira que sitúa a Nigrán na vangarda da atención a persoas maiores e que cumpre cun dos eixos do noso goberno: facer política para o ben común», resume o alcalde, Juan González, quen destaca que hai usuarios dende os 61 anos en adiante e que o 50% están casados ou viven en parella, polo que é o cónxuxe o coidador principal (pese a ter en moitas ocasións unha idade similar ou superior).
Os obradoiros están baseados en programas específicos para o tratamento non farmacolóxico das demencias e trastornos da memoria e o obxectivo é promover que a persoa manteña o maior tempo posible a súa autonomía persoal, mellorar o seu rendemento cognitivo e funcional e fomentar as relacións sociais cun bo estado de ánimo e autoestima. Ademais, ofrécese apoio psicolóxico e formación para familiares e coidadores e información e asesoramento á poboación en xeral.
Segundo datos da Organización Mundial da Saúde calcúlase que en Galicia hai 102.311 persoas con demencias neurodexenerativas, das que entre o 60 e 70% son tipo Alzhéimer, cun ritmo de crecemento de preto de 6.000 casos por ano. Así, sendo a cifra para Pontevedra de 30.497 enfermos, en Nigrán habería 518 diagnosticados (o 3% da poboación maior de 65 anos).