Van Heerden prolonga o dominio surafricano e do Club Ciclista Rías Baixas no Ribeiro

FOTO: DIFUSION PROSPORT // Eddie Van Heerden.

No 2017 foi Willem Smith e no 2018 foi Eddie Van Heerden. O Club Ciclista Rías Baixas e os seus corredores surafricanos téñenlle tomada a medida á Volta ao Ribeiro. Este sábado a estrutura presidida por José Luis Chamorro revalidou triunfo na provincia de Ourense e fíxoo cunha gran actuación colectiva: vitoria por equipos, cuarto posto e montaña para Francesc Zurita e sexta posición para Antonio ‘Chava’ Angulo.

Nos 123 quilómetros con inicio e final en Barbantes-Estación viviuse unha carreira por eliminación. Polo primeiro porto de montaña da xornada, Castro de San Cibrao (2ª categoría, km 32), coroou en primeira posición Zurita encabezando unha fuga de 18 corredores.

O corredor catalán volvería puntuar, esta vez en segunda posición, no porto de Maside (3ª categoría, km 64). Nesa altura da proba, os homes dirixidos por Iván Rodríguez tiraban do grupo principal para controlar a carreira e o seu traballo en equipo propiciou que a Volta ao Ribeiro decidísese na última ascensión.

Zurita e Van Heerden marcháronse nas ramplas da subida a San Amaro (2ª categoría, km 107) en compañía de Aser Estévez e Jesús Nanclares (Cortizo). O surafricano pasou primeiro pola cima, antes de marcharse xunto a Estévez e posteriormente deixalo atrás no descenso buscando a liña meta.

Con 7 segundos de vantaxe, Van Heerden levantou os brazos en Barbantes-Estación, celebrando o seu primeiro triunfo coas cores do Club Ciclista Rías Baixas. O cuarto posto, a 1:42 do gañador correspondeulle a Zurita. Este resultado sitúa ao de Blanes como líder da Copa Galicia Elite e Sub23. Ademais, adxudicouse o Gran Premio da Montaña no Ribeiro.

O sexto posto de Angulo, a 2:14 do triunfador Van Heerden, certificou a vitoria por equipos dos do Val Miñor. Un triunfo colectivo do que foron partícipes Jaumen Bonnin (15º), Óscar Justo (23º), Jorge González (24º), David Galarreta, Cristian Cuervo e Iván Arribas.

Anuncios