Anuncios
Ticker de novas

Iván Méndez cociña en Baiona e sucumbe ante os manxares da súa gastronomía

Esta mañá os Xardíns da Casa da Navegación de Baiona acolleron con gran éxito o shocooking de Iván Méndez. Moitos foron os curiosos que non se quixeron perder as leccións do recoñecido chef galego, que levou a cabo unha demostración gastronómica para poñer en valor os produtos da terra dunha maneira dinámica e atractiva.

Méndez puxo en práctica todos os seus coñecementos en Baiona e ofreceu unha demostración culinaria interactiva e participativa co público na que se mesturaron tradición e innovación para elaborar menús e pratos adaptados ás peculiaridades do concello baionés. O chef preparou un menú composto por tres elaboracións tendo todas elas como protagonista un produto típico do lugar.

O primeiro deles consistiu nun escabeche de mexillón de Galicia ao Albariño, o segundo un cremosito de aguacate con alga codium ou ramallo de mar, e o terceiro unha empanada de xoubas e millo “á nosa maneira”. Unha vez elaborados, o cociñeiro ofreceu aos alí presentes unha degustación dos pratos, que fixeron as delicias do público, entre os que se atopaban empresarios e hostaleiros da vila.

Tamén acudiu á cita alumnado do Centro de Educación Especial Juan María para aprender leccións culinarias e aproveitar a ocasión para gravar “Reporteiros en rede”, un medio en soporte web no que os propios usuarios crean a noticia (desde a procura, redacción, maquetación, gravación ou edición).

“Un chef no rural” é unha iniciativa de difusión da entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 que busca dar a coñecer os produtos da contorna e sacarlles rendemento aos alimentos locais. Este proxecto nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas e informativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abarca aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Anuncios