O Gondomar CF pide que As Gaiandas se converta nun campo de herba artificial

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Mañá pola mañá o Gondomar Club de Fútbol entregará por rexistro no Concello sobre 500 firmas de socios e simpatizantes, solicitando que se transforme o campo Municipal de As Gaiandas nun terreo de herba artificial no canto de natural, que é a que hai actualmente.

Desde a entidade sinalan que isto é unha necesidade máis que un desexo debido aos seguintes razoamentos:

a) O custo de mantemento sería moitísimo menor.
b) Con este cambio existe a posibilidade de que o club poida adestrar no mesmo terreo no que xoga as competicións e non como actualmente que o usa cada quince días debido á problemática da súa base.
c) Posibilidade de formar categorías inferiores que son necesarias para que un club poida subsistir e que os rapaces teñan a ilusión de xogar no primeiro equipo.
d) Poder aproveitar dita instalación xa que se atopa nunha zona escolar.

“Esta é unha aspiración que se lle leva expondo ao Alcalde desde hai tempo e sempre dándolle longas, mesmo cando o Deputado de Cooperación, David Regades, estivo a ver a obra dos vestiarios estaba totalmente de acordo co cambio de superficie e así llo dixo ao Alcalde, por conseguinte a Deputación está polo labor ou sexa que só falta o ok do concello”, sinalan desde a Xunta Directiva.