Anuncios
Ticker de novas

Marta Dacosta presenta o libro de poesía “labirinto ou memoria”

Editorial Caldeirón presenta o libro de poesía “labirinto ou memoria” da escritora viguesa Marta Dacosta, veciña de Peitieiros en Gondomar, na Libraría Cartabón (rúa Urzáiz, 125, Vigo). O acto terá lugar este mércores mércores día 13 de xuño, ás 20:30 horas.

labirinto ou memoria

“labirinto ou memoria” é un libro que quere reflexionar sobre a memoria, sobre a súa fiabilidade e os seus traumas. Son certas todas as lembranzas que gardamos? Sucederon efectivamente así? Por que gardamos na memoria feitos que son, aparentemente, intranscendentes? por que non interpretamos correctamente algunhas lembranzas?

A memoria é un material para a escrita tan moldeable coma o barro. É persoal, colectiva, sentimento, historia, soño, realidade… Imaxes ás que nos aferramos mentres a razón nos esfarela os argumentos. A reconstrución do pasado coas súas imperfeccións e os seus avisos. O intento de perseguir e comprender a realidade.

Talvez por iso neste libro a memoria é un labirinto en que nos deixamos ir baixo o pretexto de atopar unha saída ou o pozo ao que tiramos os baldes que halamos con esforzo e sorpresa para ir deixando á vista de todos o fondo lamacento.

Un libro escrito desde o interior da casa, para compartir a re-construción individual e colectiva.

Marta Dacosta (Vigo, 1966)

Publicou os libros de poesía: Crear o mar en Compostela, premio de poesía “O Grelo” 1993, Pel de ameixa, premio González Garcés 1995, Setembro, premio “Martín Códax” 1998, En atalaia alerta, accésit do Esquío 1999, As Amantes de Hamlet, 2003, Cinsa, 2009, Acuática alma 2011, Argola, premio O Figurante edicións 2013, Dun lago escuro, premio Joham Carballeira 2013, finalista dos Premios AELG ao mellor libro de poesía de 2014, e Na casa da avoa 2017, finalista da Gala do libro galego ao mellor libro de poesía dese ano. A súa obra está recollida en diversas antoloxías como: Veinte puntos de fuga, do Ministerio de Cultura de Venezuela, Compañeira tristeza, Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, Poetes gallecs d’avui, Llibres del Segle ou Galician poetyr, Metamorphoses 22, Massachussetts. Publicou tamén o libro de viaxes Baixo Miño 2009, os textos do proxecto Un mar de mulleres 2010 e estudos sobre a obra de X.L. Méndez Ferrín, Victoriano Taibo ou Manuel María.

Anuncios