Anuncios
Ticker de novas

Sétima praza para o CPA Gondomar no Campionato do Mundo

O Club de Patinaxe Artística de Gondomar participou este sábado por segundo ano consecutivo na competición de Grupos Show Pequenos do Campionato do Mundo, que nesta ocasión celébrase en Mouilleron-le-Captif (Francia), xunto con outros dous equipos españois. As once patinadoras do club gondomareño -Marta Pérez, Alba Franco, Iria Boullosa, Denís Alonso, María Balboa, María Montes, Iria Groba, Nerea Estévez, Silvia Sanromán, Noa Alonso e Andrea López- ensinaron ao mundo o seu show “Expediente Alice” -titulado en inglés “Alice Files”-, conseguindo un máis que meritorio sétimo posto.

As patinadoras que conforman o equipo, sempre da man do seu adestrador, David Figueroa, non só demostraron o seu alto nivel técnico ao lograr subir ao podio no Campionato de España celebrado en Avilés o pasado mes de marzo alcanzando así o pase directo para este Mundial, senón que tamén se converteron nun claro exemplo de loita, superación e disciplina, repetindo a xesta do pasado ano, cando por primeira vez na historia galega desta modalidade fixéronse cunha medalla de bronce que soubo a Ouro no Nacional, o que lles permitiu participar no Campionato de Europa e por primeira vez nun Mundial que se celebrou en Nanjing (China), onde conseguiron o sexto posto.

Anuncios