O proxecto “Árbores de Cinza” creará un “bosque da memoria” en Chandebrito

FOTO: GALICIA AMBIENTAL // Pasarela de acceso ao Castro de Chandebrito recuperada tras os incendios.

A acción “Árbores de Cinza”, impulsada pola asociación Galicia Ambiental, inicia unha nova etapa con ambiciosos obxectivos e accións xa definidas centradas na sensibilización e concienciación ambiental coa intención de promover actitudes de respecto e conservación dos bosques galegos autóctonos. Esta iniciativa xurdiu en decembro do pasado ano tras a peor vaga de incendios da década rexistrada en Galicia, con máis de 200 lumes declarados, obrigando a máis de 4.000 persoas ao desaloxo das súas casas e queimando ao redor de 48.000 hectáreas, máis que en 2014, 2015 e 2016 xuntos. Tras meses de traballo de sensibilización ambiental con distintos colectivos, fíxanse novos obxectivos para os próximos meses deste 2018.

Nesta etapa a Asociación contará coa colaboración da Fundación C&A, responsable do desenvolvemento de accións sociais desta industria téxtil. Os traballadores da multinacional téxtil C&A, referencia do sector en programas de Responsabilidade Social Corporativa e Sustentabilidade Ambiental, “votaron o proxecto “Árbores de Cinza” como proxecto a apoiar pola súa fundación tras a divulgación, o pasado Nadal do vídeo de lanzamento da campaña… e financiasen, coas súas doazóns, o conxunto de accións a desenvolver polo proxecto de reforestación e sensibilización.

Para o desenvolvemento desta nova fase, de novo os esforzos de “Árbores de Cinza” concentraranse en boa parte na parroquia de Chandebrito, considerada “zona cero” do desastre e un dos lugares máis afectados pola catástrofe. Non foron os únicos prexudicados naquela vaga de incendios, pero son “exemplo e motivación” para o proxecto “Árbores de Cinza 2018”, non en balde nesta parroquia rural do municipio pontevedrés de Nigrán, que apenas alcanza os 540 habitantes, as chamas arrasaron polo menos 420 hectáreas das 430 hectáreas do seu monte.

O “Bosque da Memoria” de Chandebrito

Esta nova fase continuará a liña dos últimos meses que permitiu sumar esforzos cos veciños da zona na recuperación dos seus montes. Así una das principais accións previstas céntrase na plantación do Bosque da Memoria, unha “área de descanso e interpretación ao aire libre” que estará integrado por árbores autóctonas como o carballo, o castiñeiro ou a sobreira. Ademais, esta acción complementarase coa instalación de sinaléctica específica dirixida a escolares e visitantes. Esta sinalización incluirá unha breve descrición do proxecto co que se contribuíu á plantación de árbores para rexenerar os bosques arrasados. No seu afán divulgador, estes paneis explicativos conterán información sobre as especies autóctonas utilizadas na repoboación, coa intención de dar a coñecer entre a poboación estas árbores típicas destas latitudes.