EU reclama que as prazas declaradas indefinidas polos Xulgados se convoquen como oferta pública

Ante a publicación da sentenza do Xulgado do Social que considera como despido nulo o cese de Ángeles Silva como persoal de confianza no Concello de Baiona, unido ás anteriores sentenzas dos bolseiros, o Grupo Municipal de Esquerda Unida – Son, reclama que as prazas declaradas indefinidas polos Xulgados se convoquen como “Oferta de Emprego Publico” o mais axiña posible co gallo de que toda a veciñanza teña as mesmas oportunidades de acceder a un posto de traballo público como é de xustiza, e o cese destas prácticas ilegais en materia de persoal, tal e como está quedando acreditado polos Xulgados.

Nunha moción presentada en setembro de 2016, Esquerda Unida xa daba conta destas irregularidades (nese momento só dos bolseiros) e se instaba ao equipo de goberno á inclusión destas prazas na Relación de Postos de Traballo do Concello e a súa correspondente oferta de emprego público. “Desafortunadamente esta proposta non tivo aceptación por parte do equipo de goberno e ningún debate na opinión pública”, recorda Silvano Montes.

Para Esquerda Unida a actitude do equipo de goberno ante estes casos supón un dobre fraude: o primeiro aos traballadores afectados, aos que lles está encomendando tarefas que non lle son as propias do seu contrato, e o segundo á veciñanza, á que se priva do acceso ao emprego publico, ao que ten todo o dereito. “E por suposto esperamos que se asuma a responsabilidade política da nefasta xestión en materia de persoal acadada polo equipo de goberno. De outras posibles responsabilidades terán que responder ante as autoridades correspondentes”, conclúe Montes.