Inaugurado en Baiona o XIX Congreso AECOC de Produtos do Mar

Os produtos do mar de Galicia revalorizáronse nun 38% grazas ao investimento de 260 millóns de euros da Xunta en materia de transformación e comercialización desde 2009. Así o trasladou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, na inauguración do XIX Congreso AECOC de Produtos do Mar, celebrada hoxe en Baiona, que se celebra hoxe e mañá no Parador deste municipio.

Nesta liña, a directora xeral sinalou que este “é o camiño polo que imos continuar para seguir poñendo en valor a calidade dos produtos do mar de Galicia”. Por este motivo animou ao sector a diversificar as súas actividades e a integrar novas vías de negocio para atender a un mercado cada vez máis amplo e “fortalecer así a cadea de valor mar-industria e a súa relación co consumidor”, explicou.

Neste eido, Mercedes Rodríguez lembrou que tanto a Xunta como o sector deben traballar co obxectivo único de satisfacer as expectativas dun consumidor que aposte pola consolidación e a identificación do valor diferencial da marca Galicia. Por iso explicou que “é prioritario seguir traballando nun mercado esixente, cambiante e globalizado para mellorar a comercialización. Unha materia, recordou, que é primordial e que este ano se materializou co crecemento da súa partida presupostaria nun 38%, con case 9 millóns de euros.

Durante a súa intervención, a directora xeral agradeceu á dirección de AECOC que unha vez máis escollesen Galicia para a celebración do congreso, xa que, dixo, “é a rexión pesqueira europea por excelencia”. Ademais eloxiou a celebración deste encontro que serve para contribuír dunha forma excepcional ao fortalecemento dun dos motores económicos máis importantes de Galicia como é o marítimo pesqueiro”.

O Congreso

O Congreso AECOC de Produtos do Mar pretende ser un punto de encontro dos responsables da produción, elaboración, comercialización e distribución de produtos do mar co obxectivo de que compartan a súa visión do mercado, así como os aspectos para mellorar a comercialización, ampliar os mercados e satisfacer a demanda do consumidor.

Anuncios