O Barbeira Season Fest pecha e crea un hotel pop up no centro de Baiona, o primeiro de Galicia

A organización do Barbeira Season Fest de Baiona non deixa de xerar contido arredor do seu festival. Se o ano pasado xa sorprenderon coa creación do “restaurante máis pequeno do mundo”, que este ano tomou vida propia e esgotou as reservas en tan só dúas semanas, para esta edición puxeron en marcha novas actividades paralelas.

A primeira da propostas é un hotel pop up situado no centro de Baiona. O “Hotel Bayona” convértese no “Hotel Season-Zentolo”. A organización pechou o emblemático establecemento situado no centro urbano para pasar a propoñerlle a máis de 30 artistas galegos que o interviñesen de xeito creativo. Artistas plásticos, deseñadores gráficos, escritores, fotógrafos… tiveron liberdade para decorar as 33 habitacións do hotel coas súas creacións.

Ademais, durante os días do festival, o hotel converterase noutro dos espazos neurálxicos do evento. O domingo día 4, día no que se pechará esta cuarta edición, o público en xeral poderá visitar o hotel e gozar nas súas habitacións de microconciertos, degustacións, proxeccións ou exposicións.

A organización informa que, aínda que o “Hotel Season-Zentolo” xa ten as reservas completas, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa organización por se, de cara ao festival, quedasen ocos libres.

As “Charlas en Chanclas”

Outra das actividades postas en marcha este ano son as “Charlas en Chanclas”, un ciclo de conferencias que poñerá en relación a música con distintas disciplinas.

O venres día 2, na Casa da Navegación, ás 12:00 horas celebrarase a charla “Música e literatura. Diálogos de conveniencia” para a que xa confirmaron a súa participación os escritores Ledicia Costas, Pedro Feijóo, Diego Giráldez e Jorge Martí, vocalista de “La Habitación Roja”, que presentará tamén o seu novo libro unha hora despois acompañado da actriz Arantxa Treus. A charla, patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e que conta coa colaboración da Librería Atlántica, da Guarda, estará conducida pola xornalista María Díaz.

O mesmo día, ás 16:00 horas, o xornalista Javier Becerra presentará os seus traballos “Atlántico. El disco de la libertad de Xoel López” e “¡Esto es rock!”. O mesmo día, ás 17:00 horas, terá lugar a charla “Música e marcas. Mestúrate comigo” sobre como as marcas e os festivais se retroalimentan. Contará coa participación de responsables de márketing de coñecidas marcas e moderará a charla a xornalista Rocío Carreiro.

Ademais, doutra banda, o Barbeira Season Fest, que ten como un duns obxectivos dinamizar económica e turisticamente a zona, organiza nesta cuarta edición actividades náuticodeportivas como bautismos de pádel surf e kajak, da man da empresa local Babysurf,

Venda de entradas para o festival

As entradas pódense comprar na súa web tanto por dia como o abono para gozar da “experiencia Barbeira” na súa totalidade. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán comprar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto.

O Barbeira Season Fest conta co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 21-22, e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Vibra Mahou.