Anuncios
Ticker de novas

Baiona acolle o 19º Congreso AECOC de Produtos do Mar

AECOC celebrará un ano máis o seu Congreso anual de Produtos do Mar no Parador de Baiona, que reunirá, os próximos 6 e 7 de xuño, a preto de 300 directivos das principais empresas do sector para debater sobre novas tendencias e compartir experiencias e retos.

O Punto de Encontro arrancará cun bloque de relatorios dedicado á análise dos mercados exteriores da man de Rabobank e CEPESCA (Confederación Española de Pesca). O primeiro analizará o impacto do mercado asiático no futuro da industria pesqueira, tendo en conta que China é o maior consumidor de produtos do mar e prevese un incremento do seu consumo durante a próxima década. CEPESCA, pola súa banda, expoñerá as posibles consecuencias socieconómicas do Brexit nas relacións comerciais e pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido.

O 19º Congreso AECOC de Produtos do Mar tamén contará coa participación de Ignacio Biedma, de Nielsen, que ofrecerá datos de mercado e analizará as tendencias de consumo do mercado español de produtos do mar; así como as categorías máis compradas, tanto na canle offline como no online.

Por outra banda, o Punto de Encontro compartirá cos asistentes casos de éxito de empresas de distintos elos da cadea, que fixeron da diferenciación unha importante proposta de valor. Un exemplo diso é o Mercado da Paz, que foi o primeiro mercado do mundo que acordou co xigante do e- commerce, Amazon, a venda dos seus produtos. O seu director, Guillermo del Campo Fernández, compartirá a súa experiencia na que tradición e modernidade únense a través da innovación.

A segunda xornada do congreso abordará as claves para revalorizar os produtos do mar conxelados cunha mesa redonda que contará coa participación de directivos de IBERCONSA, DIA, La Sirena, Loop New Business Models e da Plataforma do Conxelado de AECOC. Todos eles analizarán que pancas teñen as empresas para activar o consumo de produtos conxelados, así como as estratexias comunicativas que os puntos de venda poden implementar para dar máis visibilidade ao conxelado, unha categoría percibida como de menor calidade.

Pola súa banda, Fabián León, finalista de MasterChef, emprendedor e foodie, tamén falará de estratexias de comunicación, centrándose, no seu caso, en como pode o sector atraer aos millennials cara ao consumo de peixe.

O congreso AECOC de Produtos do Mar tamén compartirá casos de empresas, como Lidl e Angulas Aguinaga, que apostaron pola sustentabilidade e a innovación. Lidl non vende especies sobreexplotadas ou en perigo de extinción e é a cadea española con máis pescado sustentable. A súa directora de responsabilidade social corporativa, Michaela Reischl, explicará a súa iniciativa para garantir o futuro dos mares e a protección dos ecosistemas.

Pola súa banda, o CEO de Angulas Aguinaga, Ignacio Muñoz, compartirá cos asistentes as claves para conxugar as fortalezas dos produtos do mar coa innovación.

O 19º Congreso AECOC de Produtos do Mar pechará cun relatorio a cargo de Ángel León, o chef do mar que soubo sacarlle potencial aos produtos do mar combinando creatividade, innovación e paixón para ofrecer pratos con ingredientes e especies inéditas.

 

Anuncios