A Xunta elimina un punto de vertedura por augas residuais na desembocadura do Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O labor inspector do persoal de Augas de Galicia permitiu eliminar recentemente tres puntos de vertedura nos concellos de Vigo, Redondela e Nigrán. En concreto, nos dous primeiros casos a orixe dos aportes contaminantes era industrial mentres que no Concello de Nigrán o foco de vertedura localizábase nunha vivenda.

En Nigrán eliminouse un punto de vertedura de orixe doméstica que afectaba ao río Miñor, no tramo da súa desembocadura. Os aportes contaminantes procedían dunha vivenda particular próxima ao río e que estaba a derivar as súas augas residuais, sen depuración previa, ao dominio público. Tras localizar a orixe do problema e trasladarllo ao propietario da vivenda, técnicos de Augas e do Concello de Nigrán puideron constatar que a vertedura fora eliminada coa conexión da vivenda á rede municipal de saneamento.

Os focos de contaminación emendados nestes tres concellos foron detectados grazas ás inspeccións realizadas no marco do Plan de control de verteduras ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles localizados nas redes municipais de saneamento.