As alfombras florais de Corpus enchen de cor o centro de Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Alfombra floral elaborada pola Asociación de Veciños San Vicente de Mañufe.

Gondomar volveu ser fiel a unha das súas tradicións máis arraigadas, a celebración do Corpus Christi, amencendo este domingo coas súas rúas cubertas de alfombras florais confeccionadas durante toda a noite polos propios veciños. Motivos xeométricos, florais, relixiosos… elaborados con mimosa, mirto e fiúncho, que dan ás composicións as diferentes tonalidades de verde, flores vermellas, amarelas ou brancas, ou cortiza de piñeiro triturada, palla ou serrín tinguidos de vermello, laranxa, amarelo ou azul.

Desde hai un mes, os veciños comezaron os preparativos dos deseños co esfolle, contando como en anos anteriores coa colaboración directa do Concello, que achegou 3.000 euros para adquirir 25.000 talos de flores e 800 euros por alfombra. Tras duras semanas de traballo, a xornada do sábado poñía punto e final a todos eses preparativos e daba comezo a verdadeira confección dos mantos. Desde a tarde, e ata ben entrada a madrugada, centos de veciños déronse cita para poñerse ao choio e trasladar ás rúas do municipio os deseños dos tapices, acompañados de música, chocolate quente e rosca.

En total foron cinco as asociacións encargadas de forrar as rúas da vila, catro delas ao longo das rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz. A Asociación “Galiñeiro” de Vincios estendeu o seu tapiz á altura da confeitería Xuntos, a do Grupo de Gaitas Novos Aires de Couso fíxoo no cruzamento con Elduayen, a da Asociación de Veciños San Vicente de Mañufe diante da sucursal de Abanca e o Club de Patinaxe Artística Gondomar diante do Concello.

Pola súa banda, a Asociación de Mulleres Rurais San Benito fixo a máis extensa das cinco, e a que fai que o Corpus Christi de Gondomar presente unha particularidade que o diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, que parte desde o obradoiro de rosquillas Cristaleiro en rúa Párroco Carlos Fernández ata as portas do templo parroquial, un tapiz floral que cobre os 40 chanzos que a compoñen.

Centos de visitantes

Centos de veciños e visitantes achegáronse durante toda a mañá a Gondomar para visitar as rúas do centro urbano e contemplar as alfombras en todo o seu esplendor antes da procesión, que comezou ás 13:30 horas desde a Igrexa de San Bieito, despois da Solemne Misa de Corpus Christi, na que se celebraron as tradicionais comuñóns.

A comitiva partiu da escalinata de San Bieito acompañada pola Agrupación Musical de Vincios, e percorreu a Alameda, as rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz para deterse no Concello. Ao regreso á Igrexa de San Bieito discorreu por Párroco Mariño.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.