O domingo 3 de xuño terá lugar en Baiona o IV Tríatlon Atlántico – Campionato Galego de Tríatlon Estándar sen Drafting 2018, coa participación de 450 deportistas. A proba está organizada pola Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, o Concello de Baiona, a Deputación de Pontevedra, o Club Natación Galaico e o Club Tríatlon Motobike-Galaico Pontevedra.
O Campionato Galego dispútase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación desde a praia de A Barbeira ata a praia de A Ribeira, 40 quilómetros de bicicleta, completando dúas voltas ao circuíto de 20 quilómetros pola estrada PO-552 entre Baiona e Oia, e 10 quilómetros de carreira a pé polo paseo de Monte Boi e o Paseo Marítimo ata a península de Santa Marta. A meta e a área de transición están instaladas nas pistas polideportivas do Parque de Palma. A principal característica desta proba é que se disputarán sen drafting, é dicir, estará prohibido ir a roda doutro ciclista ou circular en pelotón.
A proba comezará ás 9:00 horas na praia de A Barbeira e entre os participantes hai importantes triatletas polo que se espera un magnífico espectáculo. Na categoría feminina non estará a vencedora do pasado ano, Saleta Castro, que a pasada fin de semana disputou o Ironmán de Lanzarote, pero na lista de inscritas atópanse Edymar Brea (TriPenta Terras de Lugo), Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) -segunda no Galego o pasado ano-, Cristina Torres (Mar de Vigo) -3ª en 2017-; Mónica Alarcón (NoSportLimit), entre outras.
Na categoría masculina, Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial), campión os dous últimos anos, está agora máis centrado na media distancia e non participará. Así a proba preséntase moi aberta con triatletas coma José Manuel Pardo Leis (Tríatlon Arteixo), Martín Carrera (Natación Riveira), Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial), Carlos Brión (Natación Riveira), Jacobo Crego (Olímpico de Vedra) ou Luis Alberto Paredes (Galaico Motobike de Pontevedra).
Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) e Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse o pasado ano campións galegos de tríatlon sen drafting, no III Tríatlon Atlántico Baiona. Na categoría feminina gañou a proba a neozelandesa Anneke Jenkins.

