Porto do Molle alcanza as 116 empresas e os 1.900 empregos coa incorporación de Syspro

FOTO: ZFV // Porto do Molle.

O Parque empresarial Porto do Molle alcanzou neste mes de maio o 93,45% de ocupación na súa área industrial, é dicir, das 72 parcelas da zona unicamente quedan dispoñibles seis parcelas que, en termos de superficie, supón que apenas quedan sen vender 21.489 m2. Isto é o que subliñou a delegada Teresa Pedrosa no seu informe ao Comité Executivo da Zona Franca que se celebrou hoxe. A vitalidade do parque seguiuse comprobando no feito de que o órgano de xestión do Consorcio aprobou, na mesma reunión, unha nova venda de chan á empresa Syspro Ingeniería que adquiriu unha parcela de 2.424 m2. Coa incorporación de Syspro as empresas do parque de Nigrán xa ascenden a 116 con preto de 1.900 empregos xerados.

Syspro enxeñería é unha empresa constituída en 2004 e que evolucionou moi positivamente debido á incorporación de desenvolvementos tecnolóxicos propios na súa carteira de servizos especialmente centrados na automatización industrial. O seu campo de traballo enmárcase en tecnoloxía de control de procesos como sistemas de xestión da produción ou servizos de deseño e construción de cadros eléctricos de control, enxeñería de procesos, automatización de máquinas e solucións de visión artificial e robótica industrial. A empresa pasou de ter no ano 2016 a 28 persoas empregadas, a máis de 45 empregos en 2018 e, coa construción da nova planta, prevé poder aumentar o seu persoal nun dez por cento nos próximos anos.

Programa de Internacionalización para a Peme Galega

Respondendo o obxecto inicial do Consorcio de potenciar o comercio internacional, esta tarde tamén se aprobou un amplo programa de obradoiros, xornadas e accións de titorización de apoio á internacionalización das pemes galegas que se celebrarán no período 2019-2020 cun orzamento base de licitación de 326.000,00 € IVE excluído. Todas estas accións teñen como fin o apoiar a estas empresas nas distintas fases dos seus plans de internacionalización e desenvolveranse paralelamente á realización das seguintes edicións da aceleradora ViaExterior.

Ocupación de Porto do Molle

No informe de ocupación de Porto do Molle, Pedrosa explicou aos vogais que entre as adxudicatarias de parcelas atópanse un gran número de empresas que dedican importantes recursos á innovación, investigación e desenvolvemento, así como a mellora de procesos en campos que se enmarcan na nova estratexia industrial tales como a enxeñería robótica ou mecanizado (MECANIZADOS ATLÁNTIDA e PRECISGAL COMPONENTES DE AUTOMOCIÓN, SNOP ESTAMPACIÓN), automatización industrial e desenvolvemento de equipos (SYSPRO INGENIERÍA, TRIOMACHINE, ASESORAMIENTO, DISEÑO Y MONTAJES IND. GALICIA, DITEC INGENIERÍA, GTG INGENIEROS), aeronáutica (DELTA VIGO AEROESTRUCTURAS), xeotermia (ECOFOREST), enxeñería mecánica (QUANTUM INNOVATIVE), control de comunicacións vía satélite e desenvolvemento de software (MARINE INSTRUMENTS), automatización de vehículos para loxística (SOGACSA). Estas empresas son xeradoras dun traballo cualificado e de calidade.

Como complemento instaláronse importantes empresas de sectores tradicionais e sectores que constitúen a estrutura da economía galega como son os provedores de subministracións de construción (MATERIALES DE CONTRUCCIÓN MARTÍNEZ), sector naval e náutico (BAITRA, SERVALCI, EXPORT – RADOPA, VIGRA), fabricación de produtos metálicos (ALUVALMI), fabricación, deseño de mobiliario para sector hostaleiro, comercial, restauración (BMC REFORMAS, OBRAS Y REHABILITACIÓN), fabricación produtos perfumería (DISNA), alimentación (FIBA CÁTERING), impresión (BRIGAL) ou servizos ao vehículo (PDM ou SUPERVISIÓN Y CONTROL).

Na área de Servizos e Lecer – Recreativo adxudicouse o 65% da superficie (24.500 m2) a unha das empresas galegas con maior recoñecemento no sector téxtil español e internacional: BIMBA Y LOLA. Esta empresa proxecta a sede da súa xestión e deseño na área lecer – recreativo do Porto do Molle, buscando a imaxe e singularidade nas novas instalacións en sintonía co éxito da súa marca.

A área comercial adxudicouse nun 55%. Nestas parcelas atópanse instaladas unha empresa de distribución de alimentación (MERCADONA), e unha estación de servizo (COMBUSTIBLES DEL NOROESTE).

Noutra das parcelas a empresa LOPEZ REAL proxecta a creación dun Parque comercial de medianas co establecemento de operadores comerciais da índole de BURGER KING, DECATHLON, LIDL, NORAUTO, WORTEN E AKI – LEROY MERLIN.

Debido aos especiais requisitos urbanísticos da área tecnolóxica e de oficinas, esta zona unicamente atópase ocupada nun 6,27%, pola promoción propia por parte do Consorcio dun edificio de oficinas que alberga proxectos de investigación e desenvolvemento (Edificio Tecnolóxico Aeronáutico).

Anuncios