
Baiona reduce a oferta de quioscos para as súas praias en tempada estival pasando dos seis lotes presentados en 2017 a catro, aínda que cabe destacar que o de Santa Marta non saíu a concurso debido a que o anterior adxudicatario prorrogou co Concello a explotación do mesmo para a presente tempada. Desde o consistorio optaron por eliminar o da praia de Frades, ademais do servizo de oito kaiaks en Ladeira.
Cabe destacar que o prezo de saída sufriu un aumento en todos os casos de en torno ao 25 % do total respecto da tempada anterior incluíndo os servizos de terraza, tumbonas, canons de Costas e fianza. Este incremento débese á eliminación das bonificacións aplicadas en 2017 en concepto de taxas municipais, que en moitos casos chegaban ao 80% do valor ofertado para poder saír dun buraco provocado pola ausencia destes servizos nos veráns de 2015 e 2016, tras resultar desertos. Así pois o que desexe poxar polo quiosco de Ladeira terá que ofrecer un mínimo de 4.860 fronte os 3.630 de 2017, o máis caro dos 3 e con 25 hamacas. O de Ribeira sufriu unha subida de 1.080 euros pasando de 3.480 a 4.560 con 20 tumbonas e o do areal de Concheira obtivo un aumento de 1.540 euros, o que supón 4.080 en 2018 fronte a 2.540 de 2017 con 12 hamacas. Este último a pesar de ser o máis económico dos tres foi o que máis creceu no seu valor final xa que as taxas municipais estaban fixadas en tan só 100 euros e para esta tempada 1.640, un aumento de máis de 16 veces o seu importe respecto de 2017.
O resto de condicións apenas difiren das tempadas anteriores, todos os quioscos terán un tamaño en planta máximo de 12 metros cadrados e as terrazas 20. Con todo os espazos reservados para as tumbonas varían xa que tamén o fai o número das mesmas cun mínimo de 12 e un máximo de 25. Así mesmo o importe do seu aluguer non poderá exceder os 6 euros día e como máximo ata as 21 horas, e o horario de apertura dos establecementos será de 9 a 22 horas.
Así pois todos os que estean interesados en poxar polos chiringuitos e servizo de hamacas teñen ata o mércores 30 de maio para formalizar as súas ofertas nas dependencias municipais. Os que saian elixidos poderán explotar os servizos do 1 de xuño ao 31 de outubro e os criterios de adxudicación baséanse nun proceso aberto cuxas ofertas se realizan en dous sobres, o A con documentación administrativa e o B “documentación referente a criterios valorables en cifras ou porcentaxes”.