O Trinity College London examina a 74 alumnos da escola Royal Celtic Bay en Baiona

Un ano máis o Trinity College London realizou os seus exames no centro examinador oficial de referencia do inglés do Val Miñor, Royal Celtic Bay, membro de FECEI (Federación Española de Centros de Ensino de Idiomas), baixo a dirección de Loreto Valenzuela Leyenda.

A esta convocatoria presentáronse 74 candidatos dos seus centros de Baiona, Gondomar e Tomiño nos niveis B1, B2, C1 e C2 ao exame ISE, que foron examinados das catro destrezas esixidas a nivel universitario para a obtención de calquera grao.

Estes certificados convertéronse nun pasaporte para acceder a títulos universitarios, a bolsas de Erasmus, estudos de posgrao ou master, traballar na administración pública ou simplemente para optar a un posto de traballo mellor.

Os certificados de Inglés ISE de Trinity College London están recoñecidos en España polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes (MECD) e, concretamente o certificado ISE, é recoñecido por todas as comunidades autónomas.

Este exame oficial do Trinity College London, está calibrado externamente co marco común Europeo de referencia (EQF). O Trinity College London e os seus exames gozan da acreditación oficial de OFQual. Á súa vez os exames ISE forman parte do cadro de certificados para a acreditación de niveis da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) e da ACLES (Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior).

Apostando sempre pola cultura, futuro e formación, a realización deste exame contou coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona dirixida por María Iglesias, ACEBA, CCA La Real e o Liceo Marítimo de Baiona, que facilitou as súas instalacións.