A Mancomunidade asina o contrato do servizo da Piscina da Ramallosa

A Mancomunidade do Val Miñor asinou este venres o contrato de adxudicación da piscina da Ramallosa coa empresa Serviocio Cultura, Deporte y Recreaciones SL, gañadora do concurso público de contratación. No acto estivo presente o alcalde de Gondomar e presidente do ente supramunicipal, Paco Ferreira, e os alcaldes de Baiona e Nigrán, Ángel Rodal e Juan A. González.

Segundo informou Ferreira, a concesionaria terá a obrigación de elaborar nos próximos tres meses un plan de limpeza e mantemento hixiénico sanitario, outro plan de emerxencias e evacuación en dous meses e no inicio do servizo un plan de xestión, que inclúa a organización e funcionamento das instalacións así como das actividades técnico deportivas e recreativas.

Así mesmo, deberá dotar as instalacións dunha serie de equipamentos adicionais que permitan polo menos manter o actual nivel de prestacións de servizos, mobiliario de oficina, equipamentos informáticos, accesos, e elementos imprescindibles para o correcto uso dos vestiarios e para a impartición dos distintos cursos e actividades, máquinas de ximnasio e resto de material funxible.

O presidente da Mancomunidade trasladou que estes traballos de mellora se levarán a cabo no mes de agosto, ao longo dunhas dúas ou tres semanas, durante as cales as instalacións permanecerán pechadas ao público e non se cobrará o abono aos usuarios.

Serviocio SL, a empresa que actualmente presta o servizo, foi a gañadora do proceso de licitación despois de ofertar un canon do 12% da facturación anual da concesión, respecto de BPXPORT que ofertou o 4% e FCC Aqualia o 8%. De igual maneira Serviocio SL, resultou ser a mellor oferta despois da valoración final dos sobres A e B, con 58,20 puntos respecto dos 43,35 de FCC Aqualia e os 30,31 de BPXPOT.

A adxudicación do servizo, que ascende a 5.134.518,33 euros máis IVE, será por cinco anos sen posibilidade de prórroga.