Os veciños de Chandebrito consideran “vital” o ensanche do viario que une a parroquia con Vincios

Membros da agrupación de Cidadáns Val Miñor mantiveron hai uns días un encontro coa directiva da Asociación de Veciños de Chandebrito. Un encontro, no que a Asociación puido trasladar á formación política as necesidades máis urxentes que teñen, case todas, referidas ao plan xeral de urbanismo vixente que consideran “do século pasado” e sobre o que reclaman unha actualización e inclusión nel de zonas como O Castro, espazo que solicitan, sexa protexido e declarado “ben de interese cultural”.

Os veciños da zona, comentou a coordinadora de  Cs en Val Miñor, Fabiola Cavalier, “queren ser escoitados e que se lles dea respostas ao que eles consideran unhas demandas lóxicas e necesarias para a zona”.

“Desde a Asociación de Chandebrito solicítanse melloras en mobilidade, a chegada do servizo de Vitrasa á zona, transparencia nas execucións e disposicións por parte do Concello e unha actuación en mellora de infraestruturas “necesaria e urxente” sobre as estradas: poñen como exemplo a “necesaria reparación das fochancas da estrada que une Chandebrito con Valadares ou o “vital” ensanche do viario que une  Chandebrito con Vincios”, comentou Cavalier tras a celebración do encontro, cualificando todas as demandas trasladadas de “urxentes e igual de prioritarias”.